A Xunta vacinou a conselleira delegada das residencias DomusVi e o seu irmán

A máxima directiva de DomusVi, Josefina Fernández, entre Núñez Feixoo e Ana Pastor, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Circulo.gal)

Josefina Fernández, CEO para o Estado español da multinacional de xeriatría privada recibiu xa as 2 doses da vacina, segundo publica Eldiario.es

Josefina Fernández é conselleira delegada de Domusvi, residencias que desde o principio da pandemia están no albo polo elevado número de contaxios entre residentes. Segundo datos aos que puido acceder elDiario.es, a Xunta vacinou a Fernández “o pasado 8 de xaneiro nun dos centros que a compañía posúe en Vigo. Pouco máis de 20 días despois recibiu a segunda dose, conseguindo así a inmunización completa”.

Segundo esta información, Fernández non acudiu en solitario a vacinarse senón que foi acompañada do seu irmán, Pedro Fernández, que forma parte da cúpula directiva de DomusVi. “Segundo a administración que dirixe Feixoo ningún dos dous figuraba nas primeiras listaxes que DomusVi remitiu á administración galega reclamando vacinas”.

Fontes de DomusVi indicaron que a vacinación débese a que “Fernández visita de maneira continuada os centros da compañía estando en contacto con residentes".

O BNG exixe que se depuren responsabilidades

Tras coñecerse este novo trato de favor na campaña de vacinación, o BNG demandou á Xunta "explicacións inmediatas". Para o Bloque é preciso que decorra "a depuración de todas as responsabilidades" despois de que saíse á luz o escándalo, un erro máis nos prazos do Executivo galego.

A viceportavoz nacionalista Olalla Rodil sostivo que vacinar á conselleira de DomusVi e ao seu familiar "saltándose todos os procedementos estabelecidos" no plan oficial "é simplemente indecente".

"Como é posíbel que esta empresaria do grupo que xestiona o maior número de prazas privadas de residencias de maiores no noso país e o seu irmán acabasen nunha lista de vacinación sen ser colectivo prioritario", preguntouse.

Quen é?

DomusVi é o principal grupo de centros de maiores da Galiza e do Estado. A compañía conta con 29 estabelecementos repartidos entre Vimianzo, Compostela, Ribeira, Cabanas, Noia, Narón, A Coruña, Ferrol, Carballo, Oleiros, Vigo, Ribadumia, Lalín, Cangas, Monforte, Viveiro, Lugo, Chantada, Castro de Rei, Ourense, Bande, Larouco e Coles. A súa importante penetración na Galiza non se pode desligar da súa orixe, vinculada á compra de Geriatros, a franquía fundada por Caixanova para xestionar as súas residencias, vendida en 2012 por Novagaliza Banco, en plena crise do sistema financeiro galego.

A relación coas caixas galegas explica que varias destas residencias estean construídas en terreos cedidos polas Administracións públicas, moi particularmente, as corporacións locais. DomusVi é propiedade do fondo británico Intermediate Capital Group (ICG) e do magnate francés do negocio da xeriatría Yves Journel. O primeiro, ligado á banca de investimento centra os seus fondos no sector sanitario e dos servizos a maiores, declarando en 2017 beneficios por 197 millóns de euros. O segundo participa do negocio a través da súa sociedade instrumental SRS, cunha significada presenza no capital de PAI Partners, o fondo galo dono de sociedades como Cortefiel. A sede da súa filial no Estado español, Geriavi SAU, está en Vigo, e conta cun patrimonio de 210 millóns de euros e cunha facturación declarada en 2018 de 625 millóns de euros”.

Na súa comparecencia de hai unhas semanas no Parlamento galego na comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural da Galiza pola crise a causa da Covid-19, Josefina Fernández deixou sen contestar as preguntas referidas “ás relacións con Núñez Feixoo”, “á presenza no comité ético da compañía da muller do presidente do parlamento, o señor Santalices, destacada militante do PP” ou “á cantidade de diñeiro público recibido por DomusVi da Xunta da Galiza”.