Xunta e universidades acordan o plan de financiamento do próximo lustro

De esquerda a dereita, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; o conselleiro de Universidades, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López, e o da UDC, Julio Abalde (Foto: Xunta da Galiza).
O Goberno galego achegará 2.488 millóns ás universidades até 2026. 468 millóns xa están previstos nas contas do vindeiro ano, unha cifra inferior -atendendo á variación do IPC- á de 2009, antes de que Feixo chegase á Xunta (414 millóns que serían hoxe 482,7).

A Xunta da Galiza e as tres universidades do país —UDC, USC e UVigo— alcanzaron esta segunda feira, 8 de novembro, un principio de acordo para sacar adiante o plan de financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG) para o período 2022-2026, que prevé un incremento da contía total até os 3.200 millóns de euros —20% superior ao actual, que caducou en 2020 mais a Administración decidiu prorrogalo un ano máis—.

Deste montante, a Consellaría de Educación, Cultura e Universidades sufragará 2.488 millóns; os 722 restantes corresponderán a fondos públicos captados polas propias universidades de convocatorias estatais, europeas e doutras consellarías. 468 millóns de euros xa están previstos nas contas do vindeiro ano. É a cifra máis elevada dos últimos exercicios.

Os últimos orzamentos presentados polo Goberno bipartito en 2009 deixaban perto de 414 millóns en transferencias ás universidades; porén, tendo en conta a suba de 16,6% do Índice de Prezos de Consumo (IPC) que se produciu desde entón, aquelas contas ascenderían hoxe de 482,7 millóns.

A investigación, materia pendente

O orzamento universitario para o vindeiro lustro sustentarase sobre dous eixos: o financiamento non condicionado e o financiamento por investigación. Mais a investigación segue a ser, polo de agora, unha materia pendente para o Executivo galego.

Desde comezos do presente ano sucedéronse as protestas do persoal investigador polas súas condicións laborais, o abuso da temporalidade e as dificultades para facer unha carreira investigadora no país.

Nas contas de 2022, se ben se agarda un leve incremento nas partidas destinadas a investigación até os 65,3 millóns de euros —segundo consta nos Orzamentos Xerais da Xunta—, a diferenza a respecto de 2021 é cativa: apenas sobe 0,5 millóns de euros. Aliás, cómpre salientar que o pasado ano a Administración destinou 2,5 millóns provenientes da investigación universitaria para sufragar as obras do edificio Fontán da Cidade da Cultura.

Valoracións

O conselleiro, Román Rodríguez, cualificou o encontro como un "acordo de país" que permitirá "blindar" a planificación das universidades aportando "certezas" aos seus escenarios financeiros. Os reitores da USC, Antonio López; UVigo, Manuel Reigosa, e UDC, Julio Abalde, coincidiron en que este plan "mellora" o seu predecesor.