O Parlamento rexeita a Lei de residencias proposta polo BNG e apoiada polo PSdeG

A Xunta subvenciona con 100 millóns de euros ao ano as residencias privadas

A residencia de DomusVi de San Lázaro en Compostela destacou pola súa alta letalidade durante a pandemia. (Foto: Nós Diario).

A pandemia deixou ao descuberto as debilidades do sistema de atención ás persoas maiores. Mentres continúan as denuncias pola calidade do servizo e a ausencia de medios materiais e humanos, a Xunta da Galiza insiste en manter o actual modelo residencial. O sentido do voto do PP onte na Cámara galega así o amosa.

 

O Partido Popular rexeitou onte no Parlamento da Galiza unha proposición de lei para un novo modelo de residencias de maiores. A iniciativa, defendida pola deputada do BNG Olalla Rodil, partía de que “na Galiza existen na actualidade 21.944 prazas en centros residenciais para persoas maiores en 383 centros, o que sitúa o país en tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos, lonxe das ratios recomendadas pola Organización Mundial da Saúde de 5%”. Ao tempo, lembraba que “é  o territorio do Estado coa porcentaxe máis baixa de prazas públicas en residencias, con só 20%”, correspondendo a xestión de 80% restante a entidades privadas.

Maior letalidade na privada

Como informaba onte Nós Diario, 90% de residentes falecidos con Covid na pandemia rexistráronse nos centros de maiores de xestión privada. Rodil referiuse a este dato e defendeu mudanzas para “garantir o dereito a unha vellez digna, despregar un sistema público de coidados forte” e “situar as persoas no centro das políticas”. Nesa liña, reclamou “fixar un límite de prazas ás residencias, cun tope de 100 prazas, onde 90% das mesmas como mínimo deben ser individuais, estruturadas en módulos de 25 residentes máximo e 20 en caso de centros con persoas dependentes”. Asemade apostou, por aumentar a “supervisión, inspección e o réxime sancionador”, creando “ un corpo de inspección específico para as residencias cos medios humanos e técnicos suficientes”.

Os argumentos da nacionalista non convenceron ao PP. O viceportavoz do grupo popular na Cámara, José Alberto Pazos, sinalou que a súa formación “ten un modelo de residencias para humanizar e dotar de mellores arquitectónicas os centros de maiores” e cualificou de “desafortunada” a proposta da nacionalista. Na mesma dirección, defendeu a xestión privada nos xeriátricos e aseverou que “o Partido Popular da Galiza leva anos traballando por un novo modelo”, porén puntualizou que “actualmente estamos traballando co Goberno dos Estado e o resto das comunidades autónomas nunha proposta única para todo o territorio español”.

Críticas ao investimento

A voceira socialista en materia de Benestar, Marina Ortega, manifestou que “traer a debate a situación das persoas maiores é sempre unha boa proposta” e considerou necesario “o debate porque se es maior tes que saber que Galiza é a comunidade autónoma que menos inviste en dependencia, a comunidade autónoma que máis privatiza nas residencias e a segunda que menos inspectores ten destes servizos”. Asemade, criticou o Executivo galego por "leva dous anos mareándonos co seu modelo de residencias” e expresou o foto favorábel do seu grupo á proposta do BNG.

74 millóns en concertos

As eivas do actual modelo de atención aos maiores, evidenciado de maneira clara durante a pandemia, resulta moi custoso para a Administración galega. Segundo os datos ofrecidos no Parlamento da Galiza polos responsábeis da Consellaría de Política Social, a Xunta subvencionou no pasado exercicio as residencias privadas con 100 millóns de euros. Concretamente, 74 millóns de euros achegáronse en concepto de concertos cos operadores privados, 18 millóns en concesións ás empresas que xestionan centros de titularidade pública e 5 millóns de euros en cheques a usuarios para sufragar a súa estadía en centros de maiores privados.

Prezos das residencias

As residencias privadas son o único recurso asistencial para moitas familias galegas. A maiores dos problemas de xestión, como o coñecido recentemente no xeriátrico Mi Casa de Pazos de Borbén, denunciado por "malos tratos", estes centros signifícanse polas súas listas de agarda e os elevados prezos das prazas. O tempo de espera para unha praza pública sitúase entre dous e cinco anos, chegando a pagar os residentes nalgúns centros privados até 4.358 euros ao mes.

Un estudo do Movemento en defensa das pensións (Modepen) sinala que en Vigo os prezos oscilan entre 1.950 e 2.312 euros ao mes na residencia DomusVi-Barreiro, de 2.387 a 4.358 euros mensuais na residencia de Sanitas e entre 1.950 e 3.100 euros ao mes na residencia de Ballesol”.

Os donos das residencias galegas

DomusVi, con 29 estabelecementos e a Fundación San Rosendo, con 3.200 prazas, son os maiores operadores da dependencia na Galiza. O primeiro é propiedade de fondos de investimento e o segundo está ligado á Igrexa. Un e outro grupo significáronse pola proximidade ao PP.