A conservación da fraga de Catasós, sometida a consulta 21 anos após a súa declaración como monumento natural

Fraga de Catasós, en Lalín (Imaxe: Nós Diario).

A Xunta da Galiza somete a consulta o plano de conservación do Monumento Natural da Fraga de Catasós (Lalín), mais faino 21 anos despois da súa declaración. “O texto volta a esquecer as demandas de ecoloxistas e concellos para ampliar e dotar de coherencia a este espazo”, lamenta Adega.

 A asociación ecoloxista Adega anunciou esta sexta feira que alega ao decreto do Plan de xestión da Fraga de Catasós para demandar a ampliación da protección aos bosques veciños.

Adega lembra que en decembro de 2017 respondera ás consultas sobre o citado plan para crear “unha caste de burbulla ecolóxica” coa que ofrecer “as mellores condicións de protección para os castiñeiros senlleiros deste monumento”.

A superficie da fraga é reducida, de 4,5 hectáreas, a ollos de Adega insuficiente para garantir a protección dos procesos ecolóxicos e ambientais que nel teñen lugar, dado que estes non son independentes aos condicionantes ambientais do seu arredor”.

“Transcorridos catro anos desde que a Consellaría iniciara consultas para a aprobación do devandito Plan, esta non tivo a ben contestar sequera ás catro alegacións presentadas no procedemento e agora pretende concluír o expediente sen ter considerado as propostas nin dado resposta ás cuestións formuladas nas alegacións”, lamenta Adega.

O Plano de conservación fora presentado pola Xunta xusto despois de desestimar a declaración como Espazo Natural de Interese Local para a Fraga de Casas Vellas, ameazada polo paso dunha liña eléctrica.

Nas novas alegacións formuladas por Adega, advírtese que a Consellería “opta polo mínimo legal posíbel” en canto á protección do monumento, cun plan “pouco ambicioso”, unhas “mínimas garantías de dotalo da protección ecolóxica que precisan os castiñeiros senlleiros presentes, elementos altamente fráxiles e vulnerábeis”, e “unha nula dinamización de promoción do Monumento”.

“Preocupa que con este plan o bosque circundante fóra do espazo non teña garantida a súa protección, nin ante o paso de liñas eléctricas ou outro tipo de infraestrutura, nin ante actuacións silvícolas duras e intensivas”, poñen de manifesto as persoas ecoloxistas.

Nas alegacións, entre outras demandas, Adega reclama ampliar a superficie de protección ás 180 hectáreas, cunha zona de “protección total”, que comprendería o espazo público que ocupa o actual monumento, e a restante superficie de "usos moderados", de titularidade privada, para a que continuarían autorizándose os mesmos aproveitamentos e usos estabelecidos no Plan xeral de ordenación municipal de Lalín e na Lei do solo, “prohibíndose definitivamente os referidos ao paso de infraestruturas, liñas eléctricas, edificacións, ou cambios de uso de solo”.

O conxunto do espazo que chama a protexer Adega acubilla unha ampla variedade de vida silvestre, algunha dela ameazada. Así, están presentes máis de 470 especies de plantas, 74 de fungos, 45 de invertebrados de interese, catro de peixes, 11 de anfibios, 10 réptiles, 68 de aves, e 32 especies de mamíferos.