A protección da Fraga de Catasós fronte á liña de alta tensión chega ao Parlamento

Esta quinta feira debaterase unha iniciativa do BNG que reclama da Xunta a protección da Fraga de Catasós (Lalín) diante da ameaza do trazado da liña eléctrica de alta tensión do Irixo a Lalín.

Catasós
photo_camera Catasós

O Parlamento debaterá o futuro da Fraga de Catasós a través dunha iniciativa presentada polo BNG que será tratada en comisión na que reclaman a declaración como Espazo Natural de Interese Local das Fragas de Casas Vellas e rego de Quintela, continuación do Monumento Natural das Fragas de Catasós. Esixen ademais que a Liña de Alta Tensión sexa soterrada nos quilómetros de maior impacto, e citan expresamente o tramo que vai entre Catasós e Moneixas, seguindo o trazado da N525. 

A iniciativa, presentada polas deputadas Carme Adán e Ana Pontón, alerta da ameaza da destrución de parte do conxunto forestal próximo ao Monumento Natural das Fragas de Catasós e estima que arredor de 2.000 pés serán talados nunha operación que fraccionará fragas e soutos. “Concretamente a Fraga de Casas Vellas e a unidade paisaxística homoxénea disposta, coma mosaico de fragas de castiñeiros, pequenas carballeiras e minoritariamente agro, lonxitudinalmente polo rego de Quintela”, sinalan, dun conxunto que definen como “unidade paisaxística indisoluble” e expoñente da paisaxe tradicional agroforestal galega. 

Riqueza paisaxística singular

Alertan tamén das transformacións da paisaxe rural de Lalín nas últimas décadas, unha alteración que, malia iso, permitiu que Catasós continuase salvando até hoxe unha riqueza paisaxística singular con soutos e fragas con bo estado de conservación. 

A iniciativa nacionalista quere que se protexa a unidade agroforestal na que se atopa o Monumento Natural da Fraga de Catasós, só unha pequena superficie da totalidade do conxunto. “O paso dunha liña eléctrica, que neste caso ademais acentúa o seu poder destrutivo por coller lonxitudinalmente a vertente do rego de Quintela e Casas Vellas, afectaría gravemente a integridade deste lugar”, alertan, polo que reclaman a declaración de Espazo Natural de Interese Local ás Fragas de Casas Vellas e rego de Quintela. 

Comentarios