A Xunta solicita o avance á Fase 3 e reitera a petición de libre mobilidade por Galiza

O uso da máscara segue sendo obrigatorio na fase 2, cando non se poidan respectar os dous metros de distancia (Imaxe; Arxina)

Na última semana non houbo ningún caso de coronavirus en 277 concellos, se ben Sanidade non desvela o nome dos 27 nos que si houbo.

A Consellería de Sanidade demandou ao Ministerio de Sanidad que "todo o territorio da Galiza" avance a segunda feira 8 de xuño á Fase 3 por presentar "condicións adecuadas epidemiolóxicas" e insiste na mobilidade interprovincial en todo o territorio galego.

Cómpre lembrar que a partir deste domingo, 7 de xuño, poderían estar permitidos os desprazamentos e as viaxes xa non só entre as provincias dunha mesma comunidade senón tamén entre comunidades autónomas sempre que estas estean na Fase 3

Nesa fase, a xestión do desconfinamento recaerá sobre o Goberno galego e xa non estará en mans do ‘mando único’ activado ao inicio do estado de alarma.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, nunha rolda de prensa telemática esta terza feira para informar da proposta trasladada na tarde da segunda feira ao Ministerio de Sanidad sobre as capacidades estratéxicas sanitarias da Galiza para acceder á fase 3 da desescalada.

Almuiña insistiu nestes dous aspectos --cambio de fase de toda a Comunidade galega e mobilidade no catro provincias-- recollidos na proposta de Galiza, composta por unha carta e un documento de 159 páxinas remitida ao Ministerio, para que poidan contestar nos próximos días, após unha "boa evolución en todo o territorio galego cunha tendencia descendente en todas as provincias".

"Cando pasadomañá (quinta feira) vanse a cumprir tres meses do diagnóstico do primeiro caso na Galiza o total de afectadas é de 11.314 persoas", afirmou, para destacar que Galiza se sitúa como segunda comunidade con menor taxa de letalidade (6,67) tras Canarias (6,49).

O conselleiro informou que nos últimos 3 días non se rexistrara ningún caso en 306 concellos galegos, cifra que foi de 277 se o prazo é unha semana e de 273 se é de 14 días. Como é habitual na Xunta, non facilita o nome de casos de COVID-19 por concellos.