A Xunta rexeita recuperar 24 concesións hidráulicas caducadas

A concesión do encoro de Fecha, en Compostela, supera os 75 anos. (Foto: Nós Diario)
Hunosa quere facerse coa xestión das centrais hidroeléctricas galegas.

A proposta da ministra de Transición Enerxética, Teresa Ribera, de pór en marcha unha operadora eléctrica pública cos activos das centrais hidráulicas cuxas concesións caducaron co obxectivo de rebaixar o prezo da luz está a provocar os primeiros movementos. Así, Hulleras del Norte S.A (Hunosa), mercantil propiedade na súa totalidade da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), con sede en Oviedo e ligada ao antigo consorcio público da minaría, vén de proporse como candidata para xestionar os diversos aproveitamentos hidroeléctricos presentes nas distintas concas hidrográficas do Estado. A compañía, apoiada na súa demanda polo sindicato UXT, aposta por empregar os beneficios xerados por esta actividade en diversos proxectos industriais e sociais en Asturias.

A Galiza é unha peza chave nun proxecto desde tipo. Actualmente, dispón de 166 centrais hidroeléctricas, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.738 megawatts, que representa aproximadamente o 24% da electricidade de orixe hidroeléctrica xerada no Estado e 18% da potencia total en funcionamento. A maioría dos encoros de grande hidráulica sitúanse na área xestionada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ente dependente do Goberno do Estado, mentres que o groso de minicentrais fan parte da demarcación hidrográfica Galiza-Costa, que inclúe aqueles ríos que discorren en exclusiva polo territorio galego e cuxa titularidade corresponde a Augas da Galiza, ente autónomo da Xunta da Galiza.

Licenzas de máis de 100 anos

24 concesións hidráulicas atópanse en vencemento na área da demarcación hidrográfica Galiza-Costa. Segundo un estudo elaborado pola federación de industria da CIG, en base aos expedientes das concesións que custodia Augas da Galiza, atópanse nesta situación centrais en todo o país, algunhas delas autorizadas con anterioridade ao ano 1900 como a de Fecha, en Compostela; a da Freixa, en Pontecaldelas; as de Almofrei e Dorna en Cerdedo-Cotobade; a de Ponte do Inferno, en Soutomaior, e a de Merza, en Vila de Cruces. Ao tempo, na primeira década do século pasado aprobáronse as concesións das centrais hidráulicas de Carboeiro, en Silleda; Chavín, en Viveiro; Tronceda, en Mondoñedo; Tambre, en Brión, e Santa Uxía, en Dumbría.

A normativa obriga a reverter ao sector público aquelas concesións hidráulicas autorizadas hai máis de 75 anos. Á volta de 2018, o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional determinaron o alcance do estabelecido na lexislación de aplicación, ratificando a duración máxima da concesión en 75 anos e fixando ás concesionarias a obrigatoriedade da súa devolución ao sector público en perfecto estado de uso. As sinaladas resolucións xudiciais refírense a uns casos na conca hidrográfica do Ebro, precisamente onde existe un importante movemento social a prol do retorno das centrais ao sector público.

O Goberno galego non reclamou a reversión de ningunha central hidráulica ao dominio público, malia os evidentes beneficios económicos e sociais para o conxunto da sociedade. En novembro de 2019, os deputados e deputadas populares opúñanse en solitario a unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola CIG na que se demandaba “a reversión á administración en perfectas condicións de funcionamento” das “centrais hidráulicas” unha vez “remate a vixencia da concesión”.

Do drama social ao espolio económico

A historia da produción da enerxía hidroeléctrica na Galiza é a crónica dun drama social e dun espolio económico. A unha banda, os labregos e labregas desaloxadas dos seus vales máis fértiles, camiño dun futuro incerto ás máis das veces na emigración externa. A outra, os recursos naturais da Galiza entregados a empresas, nalgúns casos do capital estranxeiro e noutros da burguesía intermediaria, sen ningún tipo de beneficio para o país, especializado na xeración de electricidade. Ao tempo, a falla de poder político propio impediu e impide deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia, orientada 
a un aproveitamento endóxeno dos recursos.

O 24% da enerxía hidráulica do Estado é galega

A Galiza é unha gran produtora de electricidade, mais non ten recibido beneficio ningún da súa condición. Mentres rexistra unha das facturas da luz máis caras da Unión Europea e carga cos custos económicos, ambientais e sociais derivados da actividade de xeración, o Goberno galego resístese a aproveitar as posibilidades da Galiza como produtora eléctrica e tamén se nega a reverter ao público as concesións hidráulicas caducadas polo paso do tempo.  

“Contamos con 166 centrais hidráulicas na Galiza, algunhas delas do século XIX, mais ningunha ten revertido ao sector público pola desidia gobernamental”, sinala a Nós Diario Fernando Branco Parga, quen defendeu a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) da CIG para reverter ao público as concesións caducadas das hidráulicas. Branco destaca que “en Aragón, a través da presión exercida por unha entidade denominada Aragón Suma, dirixida por un antigo presidente da Confederación Hidrográfica do Ebro, Javier de Pedro, cesado por apostar pola recuperación das concesións, están conseguindo reverter encoros ao sector público”.

“Todas as obras que están no río son públicas, as centrais hidráulicas son concesións públicas que teñen un tempo de explotación pública de 75 anos e que unha vez que este remate deben pasar a mans públicas en perfecto estado de uso e funcionamento”, afirma Branco Parga, quen lamenta que non se coñeza “ningunha planificación para a recuperación destes activos de xeración eléctrica, feito motivado polas disfuncións administrativas no proceso de reversión e, sobre todo, pola falta de políticas públicas de interese xeral, que permitan destinar os beneficios da produción hidroeléctrica a abaratar o custo da electricidade, tanto para as persoas consumidoras como para as empresas co fin de que a Galiza por fin acadase algún beneficio”.