Os ríos galegos, patrimonio das eléctricas

Situación do treito do río Eume entre o encoro da Capela e a central hidroeléctrica Endesa esta segunda feira, 16 de agosto (Foto: Colectivo Terra).
Colectivos ecoloxistas denuncian un abuso extremo dos caudais, que deixan os encoros e os ríos sen auga que garanta os usos ecolóxicos e de abastecemento exixidos por lei. "Os usos ambientais priman sobre os usos hidroeléctricos", aseguran.

A alta produción de enerxía eléctrica mantén os encoros galegos en mínimos históricos. A denuncia parte da veciñanza e de grupos ecoloxistas que malia salientar marcas como a que bate estes días o pantano das Portas, en Vilariño de Conso, insisten en que estamos ante un abuso recorrente por parte das empresas hidroeléctricas.

Miño-Sil

Segundo as cifras de reserva hidráulica que actualiza cada semana o Ministerio para a Transición Ecolóxica, -a data de publicación do último boletín é do 17 de agosto-, os encoros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil están a 49% da súa capacidade fronte a 71% de hai xusto un ano.

Destacan as cifras das dúas presas con maior cabida. A de Belesar, no Miño, que retén 31% da auga que podería acumular, e a das Portas, no río Camba, que almacena só 15%. Polas mesmas datas hai un ano estaban a 62 e 76% da súa capacidade.

Galiza-Costa

A situación na demarcación Galiza-Costa non é tan dramática. En conxunto retén 67% da súa capacidade, mais con cotas particulares que baixan de 50%. É o caso do encoro da Fervenza, no Xallas, que almacena 42% de auga. E entre os grandes, tamén, Portodemouros, no Ulla, a 64% da súa cabida e o Eume, a 82%.

Porén, desde esta comarca o Colectivo Terra denuncia máis unha vez a situación na que se atopa o río na contorna da central que xestiona Endesa. "A empresa non libera o caudal ecolóxico que exixe a lei neste pico de produción eléctrica e suma xa seis décadas de secuestro do Eume". A falta de caudal suficiente, sinalan, deixa algo máis de tres quilómetros de río "sen vida" e augas turbias.

"A xente estráñase de que as hidroeléctricas chuchen o ríos, pero é o que fan é o seu negocio", afirma o secretario técnico de Adega, Fins Eirexas.

"Oligopolio eléctrico"

O negocio é maior cando a luz ten dispara o seu prezo, advirte,e nese xogo, os encoros son unha peza chave. "Mentres o mercado eléctrico sexa o que é, seguirá aproveitando os recursos naturais de todas para o beneficio privado". Sucedeu no pasado -lembra cando Villar Mir secou a fervenza o Xallas en 2007- e seguirá pasando, di. "Os ríos galegos son os bancos do oligopolio eléctrico. Cando precisan cartos tiran deles, porque non lles importa deixar as bacías secas".

Mais existen uns límites, recoñece Fins Eirexas. "E o que non se pode tolerar é que nun momento  de estrés hídrico como o que se dá no verán sigan poñendo os eu negocio por riba dos recursos e do interese da cidadanía".

O desleixo das Administracións fai que as eléctricas crean que os ríos son o seu patrimonio

Neste sentido, insiste en que se trata de concesións hidroeléctricas sometidas á revisión das Administracións públicas. "Teñen que cumprir uns requisitos mínimos que cómpre verificar" para constatar un correcto aproveitamento dos recursos, de acordo co plan hidrolóxico e coa garantía das funcións ecolóxicas e sociais dos ríos. "Nin o Estado nin a Xunta poden mirar para outro lado", recalca Eirexas, como fan adoito. Por iso exixe "vontade" real de control. "O desleixo fai que as eléctricas crean que os ríos son o seu patrimonio".

A solución é dobre, conclúe: a xestión pública da enerxía que se tira da auga, asegurando os servizos ecosistémicos dos ríos mais os usos ambientais, e a extinción inminente da concesión hidroeléctrica en caso de neglixencia.