O Goberno do Estado español acorda a protección do lobo malia a oposición da Xunta

Un lobo no monte. (Foto: Goberno do Estado español)
Entidades ecoloxistas como Adega e Ecoloxistas en Acción, que demandaban este paso desde hai tempo, xa manifestaron a súa satisfacción pola medida que saíu adiante na Comisión Estatal de Patrimonio Natural.

Logo de meses de tramitacións, o Goberno do Estado español estabeleceu esta quinta feira a protección sobre as poboación de lobo existentes no territorio. A decisión tomouse en contra da opinión da Xunta da Galiza e dos Executivos de outros tres territorios. Porén, algunhas entidades ecoloxistas galegas xa saudaron esta medida pola que levaban anos pelexando.

A Comisión Estatal de Patrimonio Natural do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico foi a encargada de integrar ao lobo na listaxe de especies que están en réxime de protección especial. Con esta incorporación, estes animais xa deixaron de ser considerados unha especie permitida na caza.

Segundo transcendeu, a iniciativa saíu adiante nunha segunda votación porque a primeira acabou con empate. Cunha maioría simple chegouse á aprobación, pois a representación da Xunta da Galiza era unha das que se opoñía á protección desta especie. Con ela, rexeitaban esta medida Cantabria, Asturias e Castela León, pois ao norte do Douro seguía sendo especie cinexética até o de agora.

O Executivo de Alberto Núñez Feixoo mesmo presentara alegacións en contra, pois afirmaba que na Galiza o último censo arroxaba a presenza dunhas 90 mandas reprodutoras de lobo, polo que "en termos xerais mantense ou mesmo se experimentou un aumento nos últimos 15 anos".

Ademais, indicara que a presenza destas especies é "ampla" ao chegar ao 72% do territorio galego, en especial nas comarcas do interior. "Existe e probablemente siga existindo un hábitat de extensión suficiente para manter as súas poboacións a longo prazo", alegara.

Hoxe mesmo o conselleiro de Fomento e Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, avisou de que de aceptar esta proposta "ideolóxica" dunha organización ecoloxista habería unha "batalla importante" de Castela e León, Galicia, Asturias e Cantabria en contra da decisión. Falta saber se esa ameaza se cumpre.

Peticións á Xunta

En calquera caso, na Galiza entidades como Adega ou Ecoloxistas en Acción tomaron por boa a decisión. "O lobo é unha especie fundamental para equilibrio ecolóxico dos ecosistemas, principal depredador natural das poboacións de xabaríns", sinalaron desde esta última. 

"Instamos á Xunta da Galiza a que vexa no lobo un aliado natural para o control das poboacións de herbívoros e de enfermidades que poden afectar ao gando, e non tanto coma un inimigo. O lobo é un depredador apical e as súas poboacións non precisan de ningún control letal por parte dos humanos, como así o demostrou xa a ciencia", destacaron. 

Para Adega, foi un día "histórico" e a protección "obrigará á Xunta, malia a súa forte oposición, a reformular o Plan de Xestión de Galiza para establecer novas e máis severas medidas de protección do lobo en territorio galego".