venres 27/11/20

A Xunta censura por carta o Estado polo aumento da protección do lobo ibérico

O Goberno galego opina que incluír a especie na listaxe do réxime de protección especial sería unha decisión "claramente contraria aos intereses" das comunidades do norte do Douro, onde hai importantes poboacións destes animais que causan danos ao sector gandeiro.
Imaxe de arquivo duns lobos ibéricos. (Foto: Ana Retamero / WWF)
Imaxe de arquivo duns lobos ibéricos. (Foto: Ana Retamero / WWF)

A Xunta da Galiza remitiu unha misiva dirixida á ministra do Goberno español para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira, para censurar e rexeitar a inclusión do lobo ibérico na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial.

A carta, asinada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda, Ángeles Vázquez, en nome do Goberno galego, advirte de que sería unha decisión "claramente contraria aos intereses" das comunidades do norte do Douro e que contan con importantes poboacións desta especie asentadas no seu territorio, con grandes consecuencias sobre o sector gandeiro debido aos ataques puntuais destes animais.

A prol da caza

O reforzo á protección do lobo suporía, di a carta da conselleira de Medio Ambiente, a prohibición xenérica da súa caza e unicamente permitiría a captura excepcional dalgún exemplar de lobo ibérico.

A Xunta advirte na misiva de que a proposta do Ministerio de Teresa Ribera vai na liña "totalmente contraria" ás políticas desenvolvidas na Galiza nos últimos anos para "buscar a compatibilidade" entre a existencia de mandas de lobos coa gandaría extensiva e a viabilidade das explotacións agrogandeiras nestas zonas.

Doutra banda, a titular de Medio Ambiente anunciou a próxima posta en marcha dos primeiros grupos de traballo vinculados á Rede de Reservas da Biosfera da Galiza.

O obxectivo destes grupos é o de afondar en temas concretos e de interese común para os seis espazos que contan actualmente con esta declaración no territorio.

Son os denominados área de Allariz, as Mariñas coruñesas e terras do Mandeo, Gerês-Xurés, os Ancares e montes de Navia, Cervantes e Becerreá; río Eo, Oscos e terras de Bourón; e mais terras do Miño.

comentarios