A hostalaría fechará á 1 e o lecer nocturno ás 3 da madrugada para controlar o virus

Terrazas cheas de clientela na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Os Gobernos de varios territorios veñen de votar en contra das propostas do Ministerio de Sanidade para evitar a propagación da Covid-19 este verán. Ademais da Galiza, non queren as restricións previstas polo Goberno español en Madrid, Euskadi, Catalunya, Andalucía e Murcia. Malia estas opinións, o documento conseguiu saír adiante.

A Xunta, entre outras Administracións públicas dos distintos territorios que forman parte do Estado, vén de amosar a súa oposición ás ideas do Ministerio de Sanidade para avanzar cara a nova normalidade con algunhas restricións diferentes ás coñecidas até o de agora. Malia a negativa destas zonas, finalmente o documento das limitacións saíu adiante.

Na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, o Goberno español presentou o seu borrador de iniciativas para evitar que coa desaparicións de restricións se produza un novo gromo de coronavirus nas próximas semanas ou meses.

O clima de tensión non evitou que Sanidade sacara adiante o documento de obrigado cumprimento para a "nova normalidade" que, finalmente, deixará que o lecer nocturno funcione até as 3 da mañá nas zonas que non teñan risco ou estén no primeiro chanzo do mesmo.

Este tipo de negocios poderán abrir cando o efecto da pandemia sexa moi baixo, pero aínda así o horario de feche será distinto ao de antes da chegada da Covid-19. Aliás, estará prohibido superar o 50% da capacidade de cada local.

No resto da hostalaría

Ademais, mentres continúa a campaña de vacinación, o departamento que dirixe Carolina Darias entende que sería positivo fechar a hostalaría, a restauración e as terrazas, así coma os estabelecementos das praias, á 1 da madrugada, e así o definiu. Respecto á capacidade, estará fixada no 50% en interiores alí onde o avance epidemiolóxico sexa bo, e a porcentaxe podería subir ao 60% só se se estabelecen medidas para garantir moita ventilación e un constante control da calidade do ar.

Nas terrazas poderase ocupar a totalidade das mesas, pero respectando as distancias de seguridade dun mínimo de 1,5 metros entre as cadeiras das diferentes mesas. Tamén se retoma a atención nas barras, con idénticos espazos interpersoais.

Entre outras cousas, Sanidade tamén puxo sobre a mesa e deu o visto e prace á prohibición de fumar en espazos abertos sempre que non se manteñan os dous metros de distancia con outras persoas.

Porén, Galiza e outros territorios interpretan como unha "imposición" estas indicacións, pois após decaer o estado de alarma se traballou en normativas por zonas. Así, votaron en contra da iniciativa Madrid, Catalunya, Euskadi, Andalucía e Murcia, ademais da representación do país no consello. No caso de Castela e León e Melilla houbo abstencións.