A Xunta rexeita as "obrigas a destempo" do Goberno de España

A ministra, Carolina Darias, após o Consello. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, -que votou en contra das novas medidas do Ministerio para controlar a Covid-19- acusou o ministerio de aparecer "tras agocharse durante toda a pandemia".

As críticas da Xunta ao Goberno do Estado español após que a votación en contra das novas medidas presentadas no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para controlar a expansión do coronavirus non servise para parar a iniciativa non se fan esperar.

Se ao longo da tarde varios territorios falaron de "imposición", o Goberno galego vén de emitir un comunicado no que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acusa o Ministerio de Sanidade de aparecer con "obrigas a destempo" cando, ao seu parecer, estivo "agochado durante toda a pandemia".

“Despois de meses ausente e sen coordinar, agora, cando parece que o peor xa pasou, pretende asumir un protagonismo do que viña fuxindo, e onde as Comunidades Autónomas tiveron que situarse á fronte da pandemia”, afeou.

"Estamos ante unhas novas normas que o Goberno central quere impoñer, sen ter en conta o traballo feito durante máis dun ano polas comunidades, que son as que mellor coñecen a realidade e as particularidades de cada territorio”, lamentou, lembrando que ao decaer o estado de alarma pola Covid-19 cada territorio tomou o seu camiño.

As limitacións do Estado español estabelecen, entre outras cousas, o fechamento da hostalaría en xeral á 1 da madruga e das discotecas ás 3, sempre e cando as zonas estean en condicións de abrir.

Contra o Comité Clínico

Ante as novidades, o representante do Executivo galego lamentou que nun primeiro momento se falara de "recomendacións" para aprobar esta cuarta feira unhas "normas de obrigado cumprimento" que están por encima das territoriais.

"É unha falta de respecto ao traballo desenvolto polo Comité Clínico durante máis dun ano sen o apoio do Ministerio”, afirmou García Comesaña, que entende que a novidade implica unha alteración da "estabilidade e o coñecemento que atesourou Galicia na xestión da crise sanitaria, mediante a adopción de medidas que contaron co aval do comité de expertos”.

Ademais, a Xunta estudiará o documento “polo miúdo coa asesoría xurídica para analizar o carácter vinculante e se invade competencias autonómicas". Así incidiu no desacordo aínda que haxa que cumprir os mandatos.