A Xunta rexeita autorizar que se semente na ría do Burgo

Mariscadora na ría de Vigo comprobando a morte dos bivalvos. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Aduce carencias no proxecto relacionado cos bivalvos

A Xefatura Territorial da Consellaría do Mar na Coruña trasladou a segunda feira unha comunicación á confraría de pescadores e á Demarcación de Costas detallando a súa decisión de non autorizar que se sementen bivalvos na ría do Burgo, no golfo Ártabro, a partir do 8 de abril.

A Xunta xustifica a resolución en carencias detectadas no proxecto, apuntando que non se levou a cabo a “caracterización biolóxica dos bancos”, así como nas análises efectuadas, que, sostén, fan “imposíbel” autorizar que se sementen 11,5 millóns de ameixas e tres millóns de berberechos.

En base a isto, insta a “rematar de arranxar os bancos marisqueiros” antes de outorgar o visto e prace.

Protesta en Arcade

Mariscadoras de Arcade, no concello de Soutomaior, concentráronse a segunda feira diante da confraría de pescadores para protestar pola negativa de Gonzalo Reinoso, patrón maior, a que usaran o buque da entidade para revisar o estado dos bancos despois da mortaldade que padeceron en outubro, explicou en declaracións a Nós Diario Rita Míguez, que preside a Agrupación de mariscadoras de Arcade.

Ao tempo, denunciaron que o patrón maior e a dirección da exixen aumentar as cotas desde os 50 euros que pagou cada profesional o pasado ano até 650 neste, nun exercicio no que “non gañaremos nin para o seguro” pola morte do marisco. “É o sector máis debilitado”, láiase.

Todo isto após demandar nun principio unha cota de 850 euros, que se reduciu tras as primeiras protestas das persoas afectadas, que exixiron un informe técnico que xustificara a suba e que nunca chegou.

A próxima segunda feira teñen prevista unha reunión coa Consellaría do Mar para abordar esta situación, 24 horas antes dunha nova concentración para cuestionar as “prácticas abusivas” da confraría contra “un colectivo feminizado sen recursos”, recalca o seu comunicado.