A Xunta reduce por baixo de 20% o peso público nas residencias

A conselleira Fabiola García nunha visita a unha residencia (Foto: Xunta da Galiza).
Menos de 20% das residencias de maiores da Galiza son públicas. Apenas 5.000 das 22.000 prazas que hai no noso país están en centros públicos. No entanto, aumentan as prazas privadas e tamén aquelas de xestión privada mais sufragadas con fondos públicos. Familiares de usuarios e sindicatos coinciden en que a estratexia da Xunta avanza cada vez máis na "privatización" duns ervizo que debera ser público. 

O Goberno galego anunciou esta quinta feira que privatizaba  por 10,9 millóns en 2 anos a xestión das dúas primeiras residencias doadas por Amancio Ortega. A xestión de ambos os dous centros pasaba a "entidades sen ánimo de lucro", en palabras de Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza. Expresión que para os sindicatos non é máis ca un "eufemismo" para tentar encubrir"o que é, unha privatización", en palabras de Transi Fernández (CIG) e Javier Lareu, de CCOO a Nós Diario. "Se van cobrar 11 millóns de euros pola xestión, como se pode dicir que é sen ánimo de lucro?", preguntan.

A decisión anunciada por Rueda volve inclinar a balanza cara a aquelas prazas que se ofertan en residencias que non son públicas. Os propios datos da Administración autonómica cifran en 5.000 as camas dispoñíbeis en centros públicos. Nos privados hai case 17.000 prazas. En total, 22.000. Os fondos públicos sufragan 13.000 en total, as 5.000 das residencias públicas e por volta de 8.000 en privadas. "Todo un negocio", como apunta Fernández. "A Consellaría de Política Social mantense nesa aposta malia que está máis que demostrado que privatizar, tamén a xestión, implica peor servizo".

Lareu apunta que se a licitación desas 2 residencias doadas por Amancio Ortega é de case 11 millóns por dous anos, "as cinco pendentes de entrega custarán algo máis de 15 millóns de euros anuais". Para os sindicatos, "non é de recibo" que estes centros acaben sendo de xestión privada "cando a Consellaría [de Política Social]  presume de que vai ter un orzamento para 2024 máis alto que nunca" ao superar os 1.200 millóns de euros. 

Paulino Campos, de REDE, Federación galega de usuarios e familias de residencias e dependentes, manifestou a este medio a súa preocupación porque esta licitación"pode acabar nunha irreversíbel dexeneración da calidade dos coidados ás persoas maiores. Unha enorme porcentaxe das entidades sociais que xestionan residencias na Galiza non están preparadas para dirixilas". 

"Goleada" do privado en número de centros

A Galiza fechou 2022 cun total de 409 residencias de maiores, das que máis da metade son privadas (213 residencias; 52%), sendo apenas 20% públicas (90 centros).  As outras 106 son de iniciativa social (26%), concepto que engloba desde aquelas sen ánimo de lucro — como a ducia que representa a Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social Acolle— até outras como pode ser a Fundación San Rosendo, o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza e ligada á igrexa católica. A Xunta da Galiza destinou nos orzamentos para o presente exercicio, 2023, perto de 100 millóns de euros para financiar as residencias privadas de maiores.