A Xunta publica a suspensión da actividade na ría do Burgo para o dragado

Ría do Burgo (Imaxe: Ministerio para a Transición Ecolóxica).
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirma que considera "acreditado" que a Xunta non podía certificar a dispoñibilidade dos terreos. O delegado do Goberno estatal, Javier Losada, argumenta as competencias exclusivas na zona da Administración galega e a necesidade desa orde para avanzar nas obras. 

O 22 de setembro, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o proxecto definitivo do dragado da ría do Burgo. Onte, a Xunta da Galiza anunciou no Diario Oficial da Galiza (DOG) a orde pola que se modifican plans de explotación da ría con motivo das obras.

Ambas as publicacións dan conta dos avances dun proxecto paralizado desde hai anos que nos últimos meses protagonizou numerosos tirapuxas entre a Administración estatal e a galega. Un dos principais puntos de fricción consistía, precisamente, na dispoñibilidade dos terreos para as obras.

A delegación do Estado insistiu en que a propia Avogacía estatal requiría un documento da Xunta que asegurase a dispoñibilidade. A Administración galega, apoiada polo seu propio servizo xurídico, argumentaba que co compromiso de que a actividade pesqueira e marisqueira se paralizaría durante os traballos era suficiente. E engadía que a área afectada pertence ao ámbito estatal. 

Onte, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, argumentou que xa non existen "escusas" despois de que a Xunta publicase "o compromiso de que cando se inicien os traballos de rexeneración quedarán en suspenso todos os plans" de explotación marisqueira da zona.

Nesa mesma xornada, tras unha reunión telemática, o delegado do Goberno estatal na Galiza, Javier Losada, celebrou  "un novo paso que permite seguir avanzando". "Finalmente a Xunta realizou o que pediamos desde hai meses", valorou, resaltando a súa satisfacción "de que cumpran coa legalidade e coas necesidades previas á licitación".

O delegado do Goberno estatal defendeu a necesidade da publicación da orde no Diario Oficial da Galiza. "O Estatuto de Autonomía da Galiza estabelece que ten competencias exclusivas na zona na que, ademais, ten concesións", argumentou. 

Quintana aduce "boa fe"

Quintana considerou "acreditado" que a Xunta "non podía certificar a dispoñibilidade dos terreos para abordar a licitación da obra". E engadiu que a publicación no DOG responde a unha mostra de "boa fe" da Administración galego.

En tanto, Losada asegura que o Estado vén reclamándoa desde "o mes de marzo" e que a Xunta se comprometera "hai catorce días" a anunciala.