O proxecto do dragado da ría do Burgo leva anos estancado entre os tirapuxas da Xunta da Galiza e da Administración estatal.
Onte, o Boletín Oficial do Estado recolleu o proxecto definitivo da obra cun orzamento de 50 millóns de euros.
O delegado do Goberno estatal, Javier Losada, destacou o "avance" que supón este anuncio que tamén outorga acceso público ao informe final do proxecto.
Por resolución do 11 de setembro de 2017 da secretaría de Estado de Medio Ambiente formulouse a declaración de impacto ambiental do proxecto.
Este foi posteriormente modificado para adaptarse ás alegacións aceptadas e aos condicionantes de dita declaración.
O BOE indica que o prazo de execución do dragado abrangue 26 meses. O delegado do Goberno estatal insistiu en que a actual lexislatura "vai ser a da rexeneración da ría do Burgo".