A Xunta recúa e paraliza a proposta de estender a docencia universitaria 'online'

O alumnado das universidades galegas prepárase para a súa primeira avaliación 'online' (UDC).

O Goberno de Alberto Núñez Feixoo marcha atrás e retira o programa de impulso da docencia online nas universidades galegas. Un proxecto que lle encomendou nas últimas semanas á Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), unha fundación privada na que ademais das universidades están presentes empresas como BBVA, Endesa, Cixabank, Naturgy ou Afundación de Abanca. 

O cambio de modelo anunciado pola Xunta motivou a desaprobación maioritaria da comunidade educativa ante o risco de desmantelamento do sistema público universitario e o desprezo polo labor docente e investigador que observaron tanto estudantes e profesores como sindicatos.

Propostas de cambio

As propostas da Administración galega para estabelecer a docencia en liña, inspiradas en dinámicas da ensinanza privada cento por cento dixitais, rachaban co carácter presencial das aulas e poñían fin aos programas formativos convencionais.

Co alumnado fóra dos campus universitarios e a xeneralización da ensinanza a distancia a partir do curso 2021-2022, Educación prevía renovar o perfil do persoal docente e implantar a avaliación continua como "sistema por defecto nas guías docentes". Os exames finais, de habelos, serían complementarios e acadarían un valor máximo de 30% da cualificación final, un sistema que se acordou por primeira vez para este curso, non sen dificultades, a raíz da crise sanitaria provocada polo novo coronavirus.

A suspensión das clases presenciais a mediados de marzo motivou un tenso tirapuxa entre alumnado, docentes e reitorados a propósito da finalización das aulas, das dificultades derivadas da teledocencia e da definición dun mecanismo de avaliación que atendese todas as realidades do estudantado.

Neste contexto, sindicatos e comunidade educativa coinciden á hora de criticar a precipitación coa que a Xunta decidiu impulsar unha transición que exixe maior reflexión, a participación de todos os colectivos implicados e unha memoria económica detallada capaz de reflectir os custos e as necesidades derivadas do cambio de modelo.

Fenda dixital

Entre outras, a accesibilidade do alumnado a internet e a todas as plataformas virtuais habilitadas para a formación a distancia. Os plans da Xunta recollían como exixencia o acceso en liña a todos os recursos necesarios para superar todas as materias, unha obriga que non só afecta as universidades e o profesorado, tamén as estudantes, que mediante a organización Anega levan tempo sinalando "unha fenda dixital e social moi profunda".

"O Goberno galego pretende que a segunda comunidade autónoma con peor acceso de banda ancha sexa a primeira en introducir un modelo semipresencial no que o acceso á rede é indispensábel para seguir a docencia", denunciou tamén a Asemblea de Investigadoras de Compostela.

Desmantelamento

As súas presións sumáronse ás do profesorado e ás dos sindicatos, os primeiros en alertar da desvirtuación da universidade como espazo de produción, intercambio e transmisión de coñecemento, mais do risco de novas políticas de recortes encubertas e de privatización indirecta.
Fronte á súa mobilización, a Xunta resolveu paralizar o proxecto de transformación da docencia universitaria a un modelo mixto.

A través dun comunicado, a Secretaría Xeral de Universidades asegura que adoptou esta decisión "ante a utilización desta iniciativa para a confrontación que están a facer determinados colectivos". Neste sentido, descarga responsabilidades sobre as propias universidades e lamenta "que o alumnado das universidades públicas galegas perda esta oportunidade de dispor de máis graos semipresenciais con docencia innovadora xa o vindeiro curso".