A Xunta recoñece que o proxecto da mina de Touro, “tal e como está, é inviábel”

Imaxe: @loboroxo

O conselleiro de Economía e Industria cualifica de “responsábel” a administración galega neste tema.

“O proxecto, tal e como está, non é viábel”. O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, recoñeceu no Parlamento de Galiza con esta frase que a estas alturas a proposta de Cobre San Rafael para reactivar a mina de Touro e O Pino non conta co visto bo da Xunta. “A decisión non está tomada”, engadiu o conselleiro, que pediu agardar á fin da tramitación para coñecer o pronunciamento da administración galega ao respecto.

 

Conde realizou estas declaracións en sede parlamentar no mesmo día en que se entregaban por rexistro máis de 26.000 sinaturas recollidas a pé de rúa por toda Galiza contra o proxecto mineiro. A plataforma veciñal que se opón á reapertura da mina anunciou que activa agora unha recollida de firmas a través da rede.

 

Para alén do importante movemento social de rexeitamento e oposición a esta mina, hai 35 institucións – concellos e deputacións- que xa se posicionaron contra o proxecto.