A Xunta recoñece irregularidades nunha residencia de maiores do Carballiño

Edificio da Residencia Hermanos Prieto no Carballiño. (Foto: Fundación Hermanos Prieto)
"Calquera degradación das condicións laborais repercute na prestación do servizo", alerta a CIG, e sinala que obrigar a persoal non cualificado a medicar, ou atender a pacientes con mobilidade moi reducida, multiplica as posibilidades de causar danos ao usuario no caso dun equívoco.

A Inspección de Servizos Sociais da Consellaría de Política Social e Xuventude recoñeceu “incumprimentos da normativa aplicábel en materia de servizos sociais” na Residencia de maiores da fundación Hermanos Prieto do Carballiño, segundo consta na resposta ás reclamacións efectuadas pola Confederación Intersindical Galega (CIG).

Malia que pediu á residencia que emende estas irregularidades, apunta que isto non impide o “inicio das actuacións oportunas conducentes ao cumprimento da normativa de referencia”.

Ademais, unha inspección efectuada polo Organismo estatal de Inspección de Traballo e Seguridade Social revelou “deficiencias observadas tanto en materia laboral como en aspectos relacionados coa prevención de riscos laborais”, requirindo á fundación que resolva esas cuestións, que van desde irregularidades nos horarios até a prevención de riscos laborais, e advertindo que se non se arranxan iniciará un procedemento sancionador.

A CIG incidiu na denuncia en que estas irregularidades -obrigar as xerocultoras a preparar e administrar medicación ás persoas internas, subministrar a comida a persoas que precisan instrumentalización e outras tarefas que non se corresponden co seu traballo, así como a carencia de persoal de enfermaría durante as noites e as fins de semana- “poden pór en perigo mesmo a vida das persoas internas”, polo que exixiu que se investigue.

O secretario comarcal da CIG en Ourense, Anxo Pérez, puxo o foco en declaracións a Nós Diario en que "calquera degradación das condicións laborais repercute na prestación do servizo", alertando de que obrigar a persoal non cualificado para medicar, ou atender a pacientes con mobilidade moi reducida, multiplica as posibilidades de causar danos ao usuario no caso dun equívoco, nunha residencia con 110 usuarias e usuarios.

Amais, salienta que desde 2020 a fundación aposta por elevar ao máximo os beneficios en detrimento da atención. Desde esa data, comezaron a efectuar despedimentos de traballadoras que querían organizarse ao negarse a  entidade a cumprir as condicións acordadas no convenio.

Para Pérez, esta situación é especialmente grave ao estar o seu padroado presidido polo Bispado de Ourense e integrado tamén polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, do Partido dos Socialistas de Galicia.