A Xunta recoñece a existencia de 10.000 hectáreas de eucaliptos plantadas ilegalmente en Lugo

As cifras non deixan lugar a dúbidas. Segundo ADEGA, a superficie ocupada polo eucalipto, entre masas puras e mixtas, xa supera as 500.000 hectáreas, isto é 17% do total do territorio galego.

Os dados sobrepasan de longo as previsións fixadas polo plano forestal galego, un documento aínda vixente e á espera de actualización, que establecía en 250.000 as hectáreas ocupadas polo eucalipto no ano 2032. Ningún dado apunta a unha mingua no ritmo das plantacións, pola contra todos os indicios fan prever unha aceleración como consecuencia do abandono de terras agrarias e a moratoria fixada en Portugal para esta especie, o que está a provocar que a potente industria forestal do sector veciño fixe os ollos a esta beira do Miño. Mentres tanto, a eucaliptización avanza sen pausa en Galiza, ante a complicidade dunha administración autonómica ao servizo do conglomerado pasteiro capitaneado por ENCE.

 

A Consellaría do Medio Rural facía publico a mediados do mes de abril os primeiros dados, após a entrada en vigor da lei de montes, sobre os incumprimentos detectados pola administración autonómica en Galiza nos últimos cinco anos. Segundo afirmaba o goberno galego, neste período foron identificadas un total de 1650 plantacións ilegais, ordenando arrincar unha extensión forestal que suma 30.000 hectáreas para o conxunto de Galiza e 10.000 para as comarcas de Lugo, aos que se deben engadir aquelas plantacións xa levantadas unha vez que o propietario recibiu o apercebemento por parte da administración autonómica.

 

A superficie ocupada polo eucalipto, entre masas puras e mixtas, xa supera, no conxunto da Galiza, as 500.000 hectáreas, isto é, 17% do total do territorio 

 

A Xunta de Galiza recoñecía, o pasado mes de outubro, que só en 2017, 995 propietarios forestais foron apercibidos por repoboacións forestais en terreos prohibidos ou o cambio da actividade dos terreos de uso agrario ao forestal ou polo incumprimento das distancias de seguridade.

 

O goberno galego e o movemento ecoloxista non só discrepan sobre a superficie plantada ilegalmente por eucaliptos. A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) critica a Xunta pola súa escasa vontade e dilixencia á hora de perseguir as plantacións ilegais de eucaliptos até o punto de que o número de apercebementos, entre 120 e 150 para o caso de Lugo, corresponderíase coas denuncias presentadas pola propia organización. A incógnita por resolver estaría en determinar a canto ascende o número de denuncias por plantacións ilegais dilixenciadas de oficio pola propia administración ou mesmo, á vista destes dados, se a Xunta de Galiza está a tramitar xa estes expedientes. Malia os reiterados chamados de Adega, o goberno galego, que mesmamente fixo públicos os oficios realizados nun xesto de suposta transparencia, segue sen contestar esta petición.

 

A perspectiva non convida a ser optimista. Un dos máis graves problemas está vinculado á ocupación de terras agrarias por plantacións forestais. A previsión é que nos próximos 10 anos a actividade agraria cesará en por volta de  200.000 hectáreas, co cal non sería estraño pensar que parte das mesmas poderían ser ocupadas polos eucaliptos. Así e todo, a pelota está no tellado dunha Xunta de Galiza que se resiste a mudar a súa política forestal, definida en boa medida polos intereses de ENCE. Un exemplo ben paradigmático atopámolo na súa negativa a facer cumprir a lei vixente, un marco normativo que no caso de ser aplicado con rigor posibilitaría avanzos positivos. 

 

A superficie ocupada polo eucalipto, entre masas puras e mixtas, xa supera, no conxunto da Galiza, as 500.000 hectáreas, isto é ,17% do total do territorio