Covid: O comité clínico rebaixa as restricións en oito concellos

Hai uns días o comité ampliaba ás restricións a municipios como Sanxenxo. (Beatriz Ciscar / Europa Press)
A reunión de seguimento da evolución da pandemia na Galiza finaliza coa decisión de restar limitacións especiais a varios municipios. Pola contra, hai outros que entran no nivel 3 de control ou que estarán máis vixiados.

A reunión das e dos representantes da Xunta, e concretamente da Consellaría de Sanidade, coas persoas que forman parte do comité clínico de expertos no seguimento da Covid-19 na Galiza rematou esta terza feira cunha orde para rebaixar as medidas restritivas en oito concellos. No entanto, entra no grupo dos municipios con limitacións extra Moaña, despois de que a semana pasada se comunicara a afección de localidades como Sanxenxo e Vilalba.

As e os especialistas aconsellaron ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (que presidiu a xuntanza de traballo), que levantase algunhas prohibicións nun total de oito concellos ao ver que os ratios de persoas infectadas foron baixando.

Atendendo a estas recomendacións, a Xunta vén de comunicar que rebaixará as limitacións en Verín, Coles, Amoeiro, Trazo, Val do Dubra, Boqueixón, Campo Lameiro e Monforte de Lemos.

Estas vilas estaban no nivel máis elevado de restricións e agora pasarán a ter as pautas do nivel 2, un pouco menos duras.

Pola contra, entra na listaxe de municipios coas prohibicións máis fortes Moaña. Así sucede só uns días despois de que se incorporaran Vilalba, Sanxenxo ou O Grove. Todas estas decisións serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), onde Sanidade especificará que se poderá facer e que non en cada localidade a partir da media noite da cuarta feira.

Control especial

"Cómpre salientar que as localidades de Ribeira, Petín, A Rúa, Dumbría e A Lama, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o comité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica", informaron fontes do departamento que dirixe García Comesaña.

Neste contexto, volveuse demandar a colaboración da cidadanía así como das administracións locais e das forzas de seguridade.