A Xunta quere vacinar os menores de entre 5 e 11 anos nas vacacións de Nadal, "se hai doses"

(Foto: Arxina)
"O único que necesitamos son vacinas; se as temos, farémolo rápido. Se non, fariámolo no curso lectivo", dixo Feixoo.

O Goberno galego desexaría vacinar fronte á Covid-19 os menores de 5 a 11 anos nas vindeiras vacacións do Nadal "de ser posíbel", sempre que se autorice e se protocolice no ámbito estatal, e se poda dotar das doses necesarias para poder afrontar o proceso.

Así o trasladou o presidente galego, Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, após ser preguntado pola recente decisión da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés).

En concreto, o Comité de Medicamentos de Uso Humano (CHMP, polas súas siglas en inglés) de EMA decidiu, nunha reunión extraordinaria celebrada esta quinta feira, dar o visto e prace á vacina de Pfizer contra a covid-19 en nenos de 5 a 11 anos. A dose será inferior á utilizada en persoas de 12 anos ou máis (10 ug fronte a 30 ug), e do mesmo xeito que no grupo de maior idade, adminístrase en dúas inxeccións nos músculos da parte superior do brazo, con tres semanas de diferenza.

Feixoo defendeu que, como no resto de pasos relativos á vacinación, Galiza someterase á "recomendación dos expertos", trasladará a decisión da EMA aos propios sanitarios que asesoran á Administración galega no marco da pandemia e despois defenderá unha postura no ámbito da interterritorial estatal.

O mandatario incidiu en que ao Goberno galego non lle colle por sorpresa a decisión da Axencia Europea do Medicamento e aludiu a que os menores sen inmunizar nesta franxa de idade por baixo dos 12 confirmáronse como "claros vectores de transmisión" ás súas familias e outros membros da súa contorna.

Se a autorización da EMA "confírmase" e "pódese traducir" nunha decisión do Goberno ddo estado que se poida estender ás comunidades, Feixoo resaltou que "só se necesitan vacinas" xa que os viais que se necesitan para o proceso de inmunización dos menores son "distintos" aos dos maiores.

E após introducir este condicionante, subliñou que a vontade da Xunta sería vacinar nas vacacións de Nadal os nenos sempre que haxa os viais necesarios. "O único que necesitamos son vacinas; se as temos, farémolo rápido. Se non, fariámolo no curso lectivo", engadiu, á espera de poder ter máis información nos próximos días.

Por outra banda, Feixoo destacou este xoves o avance no proceso da inmunización en adultos e anticipou que a previsión do Executivo galego é que ao redor de medio millón de persoas integradas na colectivos diana reciban a dose de reforzo da vacina fronte á covid-19 antes de que finalice o ano.