A Xunta quere encargar aos CIM prestar atención "experta" ao colectivo LGBT

Espazo interior do Centro de Información á Muller (CIM) de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Profesionais dos centros de información á muller piden máis recursos.

A Xunta da Galiza avanzou esta terza feira, 12 de setembro, a través da conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivo, que quere impulsar o papel dos Centros de Información á Muller (CIM) para que poidan prestar unha atención "directa e experta" ás persoas LGBT. O anuncio produciuse após unha nova xuntanza do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, un órgano de carácter consultivo e de participación social que avogou, ademais, por reforzar as relacións coas entidades do terceiro sector que traballan co colectivo LGBT para mellorar as vidas das persoas  que se atopen en situación de maior vulnerabilidade.

O Goberno galego defende a idea de aproveitar a experiencia dos CIM para apoiar o colectivo LGBT nas súas necesidades. "Dentro do noso obxectivo de discriminación cero é importante que os centros de información e asesoramento á muller teñan todas as ferramentas necesarias" para atender calquera colectivo prexudicado polos discursos de odio ou en situación de violencia. "As políticas de igualdade son para calquera colectivo que poida sentirse discriminado", afirman a Nós Diario desde a Consellaría que dirixe Elena Rivo.

O decreto de 2016 polo que se estabelecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos CIM de titularidade das entidades locais da Galiza, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento recolle que "os CIM tamén poderán prestar información e asesoramento na súa área de influencia ao colectivo de persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais tanto individualmente como ás asociacións e federacións que o demanden".

Sen formación nin recursos

Na práctica, explica a este xornal Montse González, presidenta da Asociación de Profesionais do CIM (Asocim), esta atención non está a ser demanda, "pero tampouco estamos formadas nin temos persoal para atender o colectivo LGBT".

González amósase moi crítica co anuncio da Xunta. "É un despropósito", asegura. "Estamos a pedirlle por activa e por pasiva, continuamente, que reforce o servizo e non o fai. A atención ás vítimas de violencia de xénero é prioritaria, estabeléceo o decreto. Estamos ateigadas de xente, hai máis mulleres vítimas de violencia que nunca e non podemos máis. Non poden pretender que un persoal minguado por contratos parciais e temporais, por baixas que non se substitúen e por servizos axustados aos mínimos que estabelece a lei vaia atender un colectivo para o que non recibiron formación, a non ser que lle chamen formación a un curso de tres horas, máis outras tres que marcaron para o 19 de setembro".

Dese Asocim urxen unha reunión coas novas responsábeis de Igualdade do Goberno galego. "Tiñamos solicitada unha reunión coas anteriores desde o mes de febreiro, que non se produciu, e que volvemos solicitar até en dúas ocasións tras a remuda nos cargos, tamén sen resposta". "Se queren dar unha atención digna ás persoas LGBT o que teñen que facer é crear centros específicos, como merece o colectivo, ou contratar persoal experto". Pero primeiro, conclúe  González, cómpre unha reunión cos CIM, cos Concellos e co detalle dos recursos dispoñíbeis sobre a mesa.


Unha rede de 84 CIM

A Galiza conta con 84 CIM, un recurso "esencial e próximo" que atende, de media, unhas 9.500 usuarias ao ano, precisa a Consellaría de Emprego e Igualdade. Segundo un estudo realizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), 26% dos concellos da Galiza carecen deste servizo que garante a cobertura de 72% das mulleres do territorio.

O mesmo informe revela que 94% dos CIM atenden exclusivamente o mínimo legal de dez horas semanais de asesoramento xurídico e psicolóxico recollido no decreto, polo que, di, urxe revisar "a capacidade e recursos dos centros para proporcionar unha atención correcta". Das mulleres vítimas de violencia de xénero ou en situación de vulnerabilidade, pero tamén,  segundo recolle a reforma de 2016, "das persoas dependentes desas vítimas, dos menores e agora do  colectivo LGBT. "Non é serio. Non damos abasto. E mal imos traballar por estas persoas se non temos formación".