A Xunta quer aforrar mandando doentes graves a se tratar na casa

O programa "Hospital na casa" no que está a traballar o SERGAS afectará a doentes de cancro, enfermidades infecciosas, cardíacas ou pulmonares. O principal argumento para esta fórmula é a presunta "insostibilidade" económica do actual modelo.


O programa "Hospital na casa", incluído no proxecto Innova Saúde que o Goberno galego está a desenvolver, suporá -de se poñer en marcha- derivar a atención hospitalaria a persoas con doenzas agudas, como pacientes oncolóxicos, aos seus propios domicilios. A tal fin o SERGAS dotaría a casa do paciente do equipamento e ferramentas que sexan necesarias para a súa asistencia. Aliás, contarase cunha plataforma de "Telesistencia" para múltiples especialidades, destinada a interconsultas inmediatas.

O principal argumento para defender esta inicativa, recollida nun informe de apenas dúas páxinas (integramente en castelán) que foi abordado no Consello de Xunta de onte en pleno dioivo de críticas polo peche de camas hospitalarias, é o cuestionamento da "viabilidade" do actual sistema sanitario e da súa asistencia hospitalaria. No texto afírmase, sen dato nin evidencia que o corrobore, que "se estima que en 10 anos baixo o modelo actual se requiriría duplicar o gasto sanitario".

A monitorización dos e das  pacientes faríase tamén a distancia

Nel apostan, veladamente, por restrinxir a hospitalización a casos de "pacientes críticos, realización de procedementos cirúrxicos ou técnicas invasivas ou a realización de probas diagnósticas de alta tecnoloxía". Desta maneira doentes con cancro, insuficiencia cardíaca ou enfermidade pulmonar obstrutiva, poden en opinión do executivo de Feijóo seren tratados nas súas casas. Nestes casos instalaríase equipos que permitan a monitorización do estado do ou da paciente e a comunicación con ela a distancia, a través da "teleasistencia". Estas intervencións serían terían unha duración media de dez días, segundo reza o informe, agás no casos terminais e nos que se precisen coidados paliativos.