A Xunta prorroga a vixencia dos libros de texto un ano

Libros de texto da materia Ciencias da Natureza (Foto: Nós Diario).
Renovaranse de cara ao curso 2022-23, coa entrada en vigor da Lomloe.

O Goberno galego prorrogará a vixencia dos libros de texto de 4º e 6º de Educación Primaria e 1º e 3º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), que segundo a lexislación vixente deberían renovarse este ano, a fin de evitar un "gasto extraordinario" que oscilaría entre os 105 e os 280 euros por familia, para mercar un material "que só serviría para un ou dous anos académicos e non podería pasar despois a outras rapazas e rapaces nin a un banco de préstamo".

Deste modo, a súa renovación coincidirá coa entrada en vigor da Lei Orgánica de Modificación da LOE (Lomloe), no curso 2022-23. O gasto global no conxunto da Galiza, aseguran desde a Xunta, "roldaría os 10 millóns de euros".

A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade adoptou esta decisión após consensuala, asegura, "coas Asociacións de Nais e Pais (ANPA), a Xunta de Directoras e as e os representantes de libreiros e editores do país".

Esta foi unha das principais reivindicacións das ANPA desde o inicio da pandemia, co obxectivo de evitar un "gasto innecesario" para as familias até "se normalizar" a situación derivada da crise sanitaria.

Fomentar a lectura

Por outra banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, mantiveron onte un encontro coa Federación de Libreiras da Galiza para presentar as novas "liñas de reforzo" previstas nas bibliotecas escolares, que suporán un "incremento dos fondos bibliográficos" para os centros.

O investimento roldará os tres millóns de euros, alén doutros 5,5 destinados "á reposición de libros deteriorados". A Xunta prevé, así mesmo, deseñar unha nova acción para a renovación da colección de "materiais inclusivos", co gallo de ofrecer unha "mellor atención á diversidade" nas bibliotecas dos colexios, así como "fomentar a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo".

Tamén se promoverán as iniciativas de lectura en galego, ao se estender a convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de Educación Primaria. Na actualidade, 213 escolas e 10.000 estudantes participan deste proxecto lector.