A Xunta quere iniciar o curso o 10 de setembro

A Consellaría de Educación propón comezar as aulas o 10 de setembro (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)

A Consellaría de Educación quere iniciar o curso o 10 de setembro e convocou xa a mesa sectorial para a terza feira, 16 de xuño, para analizar cos sindicatos o calendario. As centrais sindicais lamentan que a Xunta só queira falar de datas e non de medidas de prevención e protección.

A proposta da Xunta é similar á doutros anos: arrincar o curso o 10 de setembro, co alumnado de Infantil, Primaria e Educación especial; mentres que o 16 de setembro sería o inicio para o estudantado da ESO, Bacharelato e FP. O curso remataría o 22 de xuño de 2021.

Os períodos de vacacións serían do 23 de decembro ao 7 de xaneiro con motivo do Nadal; e do 15 ao 17 de febreiro co Entroido. As vacacións da Semana Santa situaríase entre o 27 de marzo e o 5 de abril.

O borrador enviado aos sindicatos inclúe o calendario para os comedores escolares, que coincide coas datas de inicio do curso propostas.

A CIG xa adiantou que lamenta que a convocatoria da mesa sectorial sexa para tratar unicamente o calendario escolar e non para abordar as medidas de prevención do coronavirus nos centros educativos e as ferramentas de protección.

Nese sentido, os sindicatos docentes xa expresaron a reivindicación de incrementar o persoal e apelaron ás Administracións a dotar os centros escolares dos recursos necesarios para a súa adaptación ás novas exixencias  sanitarias.

A Xunta, porén, rexeitou o protocolo achegado polo Ministerio de Educación que avoga pola redución do número de alumnado por aula. A conselleira de Educación, Carmen Pomar, opúxose xa a "unha redución excesiva" do número de crianzas por aula porque "precisaría recursos que neste momento non están contemplados" nos fondos anunciados por parte do Ministerio de Educación.

Desde a CIG-Ensino criticaron Pomar por apuntar que manter unhas ratios que non superen as e os 20 alumnos por aula representaría “unha ruptura” dos grupos estabelecidos. O sindicato sinala que “son contrarias mesmo ás recomendacións de institucións internacionais que sitúan as ratios elevadas como un dos principais problemas dos sistemas educativo"s.  

CCOO-Ensino pediu tamén ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "unha rectificación na súa política educativa e que complemente o investimento en educación que con carácter finalista envía o Goberno estatal, cunha partida orzamentaria de carácter autonómico para dar resposta ás necesidades do sector e así poder executar unha reincorporación ás aulas con criterios de calidade no mes de setembro".

Desde UXT tamén exixiron garantir as condicións de seguridade necesarias para poder traballar co alumnado nas aulas. Nesa liña piden aumentar o número de persoal docente e reducir a ratio.