Volta ás aulas: Feixoo pon condicións mais non cartos

Carmen Pomar na Conferencia Sectorial de Educación (Conchi Paz/Europa Press).
Galiza rexeita as medidas sanitarias propostas polo Ministerio de Educación de cara ao inicio do curso. Desbota reducir o alumnado por aula e ampárase na insuficiencia das achegas estatais para adaptar os centros de ensino ás novas exixencias, uns cartos que o presidente da Xunta "pediu destinar a outros fins".

O alumnado volverá ás aulas nas datas habituais do mes de setembro. O ensino será presencial e contará, de inicio, cos servizos adicionais de comedor e transporte escolar. Así o acordaron durante a Conferencia Sectorial de Educación, realizada esta semana, os Gobernos territoriais e o Ministerio de Educación. Todos, agás Euskadi e Madrid, aínda que por "diferentes motivos", como aclarou a ministra Isabel Celaá.

Os encargados de garantir as condicións necesarias para que os centros educativos poidan ofrecer os servizos complementarios máis usuais ademais da actividade lectiva presencial serán os Gobernos autonómicos, que se comprometeron a un acordo de mínimos de cara ao vindeiro curso, 14 medidas básicas consensuadas no transcurso dunha xuntanza na que  a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, rexeitou a "fragmentación" dos grupos escolares actuais para atender as demandas sanitarias propostas polo Executivo do Estado.

Non a reducir alumnado

Galiza refusa a aplicación do protocolo achegado polo Ministerio de Educación, que entre outras medidas recolle a obriga de gardar unha distancia mínima de 1,5 metros ou a redución do número de alumnos e alumnas por aula en Infantil e até 4º de Primaria. Neste sentido, estabelece unha cota de 15 escolares, mais deixa a porta aberta a que sexan 20 estudantes.

Desde a Consellaría de Educación defenden a importancia de "non romper os grupos de referencia estabelecidos na aula" co fin de contribuír á seguridade "socioemocional do alumnado" despois de varios meses afastados do ambiente escolar. Ademais, advertiu a conselleira Pomar, "unha redución excesiva" do número de crianzas por aula "precisaría recursos que neste momento non están contemplados" nos fondos anunciados por parte do Ministerio de Educación, xa que non se trata só de ampliar profesorado, senón de espazos educativos. Referiuse, así, aos 2.000 millóns de euros que o Goberno estatal avanzou que repartiría para reforzar a educación pública a partir de setembro. O gasto necesario para acomodar o ensino aos novos requirimentos sanitarios, dixo Carmen Pomar, "superaría a revisión" de 120 millóns de euros que lle corresponderían a Galiza.

Porén, as organizacións sindicais desconfían das intencións da Administración galega de reforzar, sequera, a educación pública con eses cartos. A proba está, apunta Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, nas declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sobre o destino dos fondos do Estado para a Educación  "nas que pedía que se puidesen destinar a outros fins". 

Para a central nacionalista queda claro que "a decisión de non seguir ningún tipo de directriz xa a tiñan tomada antes do encontro coa Ministra Celaá e que este Goberno non ten a máis mínima intención de apostar polo ensino nin polo sistema educativo", destaca Bermello.

Máis persoal e recursos

Os sindicatos docentes ven necesario un incremento de persoal e apelan ás Administracións a dotar os centros escolares dos recursos necesarios para a súa adaptación ás novas exixencias  sanitarias. "Se é o Estado quen impón unhas cotas reducidas de alumando quen debería facerse cargo do incremento que supón adaptar as aulas tamén debería ser o Estado", sen eximir a Xunta das súas responsabilidades.

Neste sentido, desde UXT, Paula Carreiro censura as palabras de Núñez Feixoo. "Xa dixo que en Educación non se necesitan cartos, polo tanto, dedúcese que non pretenden investir nin un céntimo máis na Galiza".

A respecto do acordo acadado para o inicio do próximo curso, a secretaria de Ensino de UXT considera que "fai augas por todos os lados". "Ou nos estiveron mentindo ou non se entende que agora sexan recomendacións e non obrigas a baixada do número de alumnas por aula, a distancia social, o uso da máscara. Cremos que se están aventurando a que se dea un inicio de curso bastante complicado".

Carreiro mantén que non se pode deixar ao arbitrio dos Gobernos autonómicos nin dos centros educativos a xestión sanitaria, "e a nivel sanitario o profesorado non está preparado nin ten por que estalo". Así, chama a Administración galega a garantir as condicións de seguridade necesarias para poder traballar co alumnado nas aulas. "Avogamos por un aumento do persoal docente e pola baixada das cotas á metade. "Correspóndelle á Consellaría actuar despois de tres meses de parálise e sen avanzar ningunha previsión de cara ao próximo curso", conclúe.

A CIG urxe cambios estruturais transitorios

A CIG-Ensino ultima un texto no que detalla cales son "os cambios estruturais transitorios" que necesita o sistema educativo. Un documento que prevé presentar nos próximos días e que recolle catro grandes liñas de traballo que xa deberían estar sobre unha mesa de negociación "desde hai un mes, como mínimo", critica Suso Bermello a parálise da Consellaría de Educación. Neste sentido, o sindicato nacionalista apunta a necesidade de cambios provisionais relacionados coa organización educativa dos centros, cambios desde o punto de vista laboral e de dereitos do profesorado mais do resto de persoal que traballa nas escolas e cambios a nivel sanitario e a nivel social. "Son aspectos fundamentais que o abranguen todo e que parten da propia realidade", ante o descontento do profesorado por como se está xestionando a crise e como se prevén as primeiras semanas do curso.