A Xunta entregará a mans privadas a xestión da nova 'miniresidencia' de Cerdedo-Cotobade e outros catro centros

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, durante a inauguración da nova 'miniresidencia' de Cerdedo-Cotobade. (Foto: Xunta da Galiza)
A nova 'miniresidencia' de Cerdedo-Cotobade, inagurada a pasada semana por Alfonso Rueda e cuxa xestión non se desvelara aínda, será finalmente dirixida por unha empresa do sector privado.

O portal de Contratos Públicos da Galiza vén de publicar o procedemento de licitación do servizo asistencial de cinco centros de atención diúrna e residencial en Cambados, Cerdedo-Cotobade, Curtis e Redondela —cun centro de día e outro residencial—, cun contrato de 3,7 millóns de euros por dúas anualidades prorrogábeis. Supoñen, en total, 152 prazas.

Un deles, o de Cerdedo, fai alusión á nova 'miniresidencia' froito da ampliación do edificio, que suma 46 novas prazas e a cuxa inauguración acudiu a pasada semana o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Entón desde o PSdeG advertiron: "A día de hoxe non se sabe se o centro vai ser de xestión pública ou privada"; resultou ser o segundo caso.

O Goberno galego xustifica esta decisión alegando que o obxectivo para estes cinco centros é "propor unha xestión mediante unha fórmula que permita combinar ambas as dúas encomendas que a Lei de Servizos Sociais propón para a xestión deste tipo de servizos".

Así, prosegue, "esta fórmula cumpre cos criterios de xestión e intervención interinstitucional e suporá o mellor control da calidade, eficacia e eficiencia na xestión dos servizos sociais, así como un aforro nos custos respecto da xestión directa".

Pregos do contrato.

Mais desde a CIG critican a decisión: "O barato sae caro, e ese prezo é o que hai que pagar polo modelo ultraprivatizador dos servizos sociais, xerando á vez precariedade nas atencións que se prestan ás e os nosos maiores e o propio persoal traballador". Na mesma liña, subliñan que durante a pandemia da Covid-19 foron moitas máis as mortes rexistradas en centros de xestión privada que nos que era pública.

Na memoria xustificativa deste contrato a Xunta alega que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, cuxo persoal vén de iniciar unha folga que se estenderá até o próximo decembro, "non conta con medios persoais suficientes para a prestación deste servizo e non é posible nestes momentos ampliar o seu cadro de persoal nin pola natureza da prestación cabe acudir á autoprovisión doutros órganos da Administración Xeral da Galiza".

Porén, desde a CIG repican: "O Consorcio ten as súas propias listas de contratación, non transparentes, pero ten, e nunca fixo nada para solucionar esta carencia de persoal cando as listas se esgotaban. É máis sinxelo darlle o negocio aos que peor xestionaron a atención dos nosos maiores".

Aliás, lembran que o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, adquirira tres anos atrás o compromiso de estabelecer en Cerdedo-Cotobade un modelo  de xestión pública.