crise dos pellets

Galiza pide axuda a Euskadi para analizar a toxicidade dos pellets

Arantxa Tapia, conselleira de Medio Ambiente do Goberno vasco (Foto: Europa Press).
O obxectivo desa petición de axuda é "coñecer exactamente o nivel de toxicidade dos pellets da vertedura; realizar unha análise exhaustiva do mesmo; e coñecer a modelización que se realizou en función de mareas, de ventos e demais, para ver onde poden chegar os plásticos que neste momento se poden encontrar no mar".

Os centros tecnolóxicos de Euskadi Azti e Geiker recibiron solicitudes de "colaboración" da Galiza e Aquitania (Estado francés) para analizar a toxicidade e a posíbel expansión das bólas de plástico ou pellets procedentes dos contedores perdidos polo buque Toconao o pasado 8 de decembro fronte ás costas portuguesas, segundo informou a conselleira vasca de Desenvolvemento Económico, Sustentabilidade e Medio Ambiente, Arantxa Tapia.

A conselleira, que compareceu ante os medios de comunicación tras a reunión semanal do Consello de Goberno vasco esta terza feira, reiterou que, de momento, "non parece" que chegasen ás costas vascas bólas de plástico procedentes do Toconao.

Con todo, explicou que se mantén unha "alerta permanente" e que o barco de inspección pesqueira despregado para buscar pellets "segue facendo un varrido e unha análise do que pode estar a ocorrer no mar", no cal de momento non se atopou "nada". Ademais, informou de que "tanto desde Galiza como desde Iparralde, desde Aquitania, se solicitou colaboración aos nosos centros tecnolóxicos Azti e Geiker".

"Análise exhaustiva"

O obxectivo desa petición de colaboración a ambos os centros é "coñecer exactamente o nivel de toxicidade dos pellets da vertedura; realizar unha análise exhaustiva do mesmo; e coñecer a modelización que se realizou en función de mareas, de ventos e demais, para ver onde poden chegar os plásticos que neste momento se poden encontrar no mar".

"Desde logo, ofrecemos toda a nosa colaboración; como non pode ser doutra maneira", afirmou Tapia, quen indicou que as deputacións forais están "plenamente coordinadas cos municipios costeiros", de forma que "todos" permanezan "preparados para o caso de que esa vertedura ou parte desa vertedura poida chegar a Euskadi".