A xunta de persoal da Coruña pide o amparo da Valedora ante a "pasividade" da Xunta fronte ás agresións a sanitarias
A xunta de persoal da área sanitaria da Coruña e Cee presentou un escrito ante a Valedora do Pobo para solicitar o amparo do alto comisionado do Parlamento ante a "pasividade" da xerencia desta zona asistencial e da Consellaría de Sanidade para estabelecer medidas de prevención contra as agresións a profesionais do sector.
Este sexta feira, a presidenta da xunta de persoal da área Sanitaria da Coruña e Cee, Lucía Peón, acompañada de representantes da CIG, CCOO e CSIF presentou o escrito no que pide a intercesión da institución dirixida por María Dolores Fernández Galiño.
Nin a consellaría, nin a xerencia están á altura da situación
O documento repasa os feitos rexistrados como ataques a profesionais da sanidade durante a súa xornada laboral, cronoloxicamente, desde a agresión do día 3 de febreiro a un enfermeiro na área de Urxencias do Hospital Universitario da Coruña (Chuac), así como as solicitudes interpostas pola xunta de persoal nestes meses. Ademais, expón que a única medida que se implantou foi o 'botón do pánico', un mecanismo que se ten que activar desde o computador, polo que, tendo en conta que 90% da atención é a pé de cama, explica Peón, "non é unha medida efectiva".
Agresións en aumento
A representante da xunta de persoal lembrou que "levan anos" denunciando o "incremento da conflitividade" nos centros sanitarios debido, "a maioría de veces", ás "longas listas de espera", a permanencia "prolongada" no servizo de urxencias e a falta de camas de hospitalización.
Nesta liña, Peón relatou que o servizo de urxencias do Chuac carece dun espazo para os pacientes de saúde mental. Isto súmase a que estes permanecen "moitos días neste servizo por falta de camas na unidade de agudos". Segundo destaca, as obras ían empezar en febreiro, pero a día 9 de maio aínda non comezaron.
Así mesmo, trasladou a falta de profesionais médicos no cárcere de Teixeiro, que xera a utilización de recursos do Servizo de Atención Primaria de Curtis-Teixeiro. Segundo a súa versión, esta xestión "faise sen un protocolo e sen contar coas forzas da orde pública".
Finalmente, a presidenta da xunta de persoal reiterou a súa petición de estabelecer medidas unha vez ocorre esa agresión ou hai un paciente excitado. "Nin a consellaría, nin a xerencia están á altura da situación", concluíu Peón.
