A Xunta paga á sanidade privada 611.000 euros diarios

As partidas da Xunta para a sanidade privada aumentaron este ano en 18 millóns respecto a 2020. (Foto: Europa Press)
O diñeiro público que a Xunta da Galiza destina á sanidade privada volve aumentar en 2023, chegando a unha media de 611.000 euros cada día. Son 223 millóns os que a Xunta ten orzado para a privada este ano, cifra que supera a de exercicios anteriores. En 2022 a partida fora de 219 millóns e en 2021 de 216 millóns.

A partida para a denominada asistencia sanitaria con medios alleos —sanidade privada— do Orzamento da Xunta conta cun presuposto para este ano de 223 millóns de euros. A partida de concertos con institucións de atención especializada con entidades privadas leva a porcentaxe máis alta da torta deste orzamento sanitario, representando 63%, seguido de servizos concertados de ambulancias, que ocupa 13,8% do presuposto; e a terapia de insuficiencia respiratoria a domicilio, con 5,5%. Son datos do informe 2023 que sobre a sanidade privada na Galiza vén de publicar a Fundación Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS), unha entidade constituída en maio de 2010 e que aglutina o sector sanitario privado. Eses 223 millóns de euros representan catro millóns máis dos que o Sergas destinou ás mesmas finalidades en 2022 e case 18 millóns máis que no exercicio 2020.

As relacións entre os grupos sanitarios privados e a Xunta levan anos no albo do Consello de Contas. A este respecto, no seu informe do ano 2020, o organismo dirixido por José Antonio Redondo afirma que "o Sergas está a utilizar a autorización de uso temporal como unha forma ordinaria de contratación, de maneira directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato, de servizos sanitarios non concertados nos que, ademais de carecer das notas de excepcionalidade e temporalidade que identificarían esta figura, débese engadir que, ao obviarse a vía estabelecida na lexislación de contratos públicos, non existe expediente de contratación".

O órgano de fiscalización apunta, tamén, que "hai determinados servizos nos que non se emprega ningunha fórmula contractual, senón que se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso. Esta figura, que ten a súa orixe na lexislación sanitaria, carece de sustento para ser utilizada con esta finalidade e vulnera os principios esenciais da contratación pública".

Máis de 2.000 millóns en apenas dez anos

A factura que anualmente paga a Xunta da Galiza á sanidade privada só en concepto de "uso de medios alleos" -desde derivacións de ingresos hospitalarios até realización de probas- supera os 200 millóns de euros. Un repaso aos informes anuais de fiscalización sobre o Sergas que elabora o Consello de Contas e os propios presupostos da Xunta indican que ese pago á sanidade privada para o ano é o máis alto desde 2010, co primeiro orzamento elaborado polo PP tras retornar á Xunta. 

A contía que desembolsa a Administración galega neste concepto varía entre eses 214 millóns de euros en anos como 2021 e 2014 e os máis de 203 millóns de 2017. O Sergas defende que este pagamento é menos dese 6% do orzamento total sanitario que lles marca o Consello de Contas. 

Visión diferente é a que se ten desde sindicatos, organizacións de defensa da sanidade pública ou colectivos plataformas de usuarios e usuarias da mesma. Manuel Martín, médico e portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, sostén que "a privatización sanitaria avanzou de maneira significativa na Galiza, tanto na provisión como no financiamento dos servizos".