A Xunta impón o fechamento perimetral de Sanxenxo co Grove

Clientela nunha terraza en Sanxenxo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O comité clínico aconsellou tomar esta medida despois de que o número de casos na localidade ascendese de forma moi rápida.

O comité clínico de persoas expertas que aconsella á Xunta sobre as medidas a tomar para frear a evolución da pandemia decidiu esta terza feira que o municipio de Sanxenxo se sume ao grupo dos outros 67 concellos galegos sobre os que hai estabelecidas as maiores restricións. En consecuencia, o Goberno galego imporá a esta localidade un fechamento perimetral xunto ao Grove, que inclúe medidas como o parón da actividade na hostalaría.

Estas medidas de restrición para tentar frear a propagación da pandemia publicaranse mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrarán en vigor a medianoite do xoves.

Sanxenxo era un dos tres municipios sobre os cales o pasado venres as autoridades sanitarias xa advertiran que se intensificaría a vixilancia debido a que se detectou "un goteo permanente de casos" da Covid-19.

"Se non hai unha melloría clara tomaranse medidas", advertira entón a Consellaría de Sanidade.

Polo de agora, os outros municipios dos que tiña falado o Sergas, é dicir, Chantada e A Rúa continúan baixo vixilancia pero non entran no conxunto de concellos coas limitacións máis amplas.

O conselleiro Julio García Comesaña comparecerá mañá para informar á cidadanía doutras cuestións que se trataron no encontro coas e cos especialistas.

Por outra banda, hoxe foi un día no que se notificaron seis falecementos, un deles dunha usuaria da residencia de Salvaterra de Miño. As vítimas da pandemia no país son xa 1.092.