A Xunta oponse a remunerar os coidados que recaen sobre as mulleres

'Sen coidados non hai vida', un dos lemas do pasado 8-M (Foto: Europa Press)
A Xunta rexeita remunerar os coidados que soportan as mulleres ao velo incompatíbel co seu "acceso ao mercado laboral".

A directora xeral de Relacións  Laborais da Xunta, Elena Mancha, rexeitou remunerar a carga dos coidados no fogar que soportan as mulleres "predominantemente" ao considerar que "iso imposibilitaría o seu acceso ao mercado laboral". Así se pronunciou esta sexta feira, 23 de abril, na comisión de Economía do Parlamento galego a preguntas da deputada do BNG Noa Presas, quen, ao escoitar esta formulación, acusou  Xunta de "simplismo" na súa análise. 

Mancha expuxo que "a proposta da Xunta respecto á carga de traballo dos coidados no fogar soportada polas mulleres non é que esta veña remunerada, porque iso imposibilitaría o seu acceso ao mercado laboral, senón que aposta por facilitar ás traballadoras os mesmos instrumentos que aseguren a súa incorporación ao mercado de traballo en igualdade de oportunidades que os homes".

"Parece adecuado pensar que se ás mulleres se lles ofrecen as mesmas oportunidades laborais que aos homes, a repartición das tarefas debería ser homoxénea", concluíu Mancha.

Pola súa banda, Presas advertiu de que "a crise sanitaria vai ter consecuencias sobre as mulleres" tamén no ámbito da carga dos coidados e lembrou que a folga do 8-M volveu "pór encima da mesa o lema de que sen coidados non hai vida".

Internacionalización

Por último, a socialista Begoña Rodríguez Rumbo preguntou na comisión ao director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando  Guldrís, polos programas de internacionalización, advertindo de que nos últimos cinco anos a Xunta deixou sen executar 256 millóns de euros dispoñíbeis no programa de apoio á internacionalización e modernización de empresas do Igape, o que supón 43% do crédito inicial orzamentado.

Sinalou que “esa falla de execución e, por tanto, de posta a dispor de recursos no tecido produtivo, ten contribuído a que non exista na Galiza un sistema robusto”.

Na resposta, Guldrís defendeu que, pese ao impacto da crise do coronavirus, a "Galiza está a resistir mellor o envite" que o conxunto estatal, para o que remitiu ao "camiño avanzado" durante o últimos cinco anos na estratexia de internacionalización.