A Xunta non exixirá o Celga 4 para o concurso de méritos do profesorado galego

Reunión da mesa sectorial docente o pasado 3 de outubro en Compostela (Foto: Xunta da Galiza).
A Consellaría de Educación mantén a fórmula de non exixir titulación de galego obrigatoria mais si solicita contar con documentación que indique o coñecemento de castelán.

O concurso de méritos para acceder a ter unha das 1.156 prazas convocadas pola Consellaría de Educación non exixirá acreditación obrigatoria e oficial do coñecemento de galego. Pola contra, demanda titulación de español para quen se presente e non posúa a nacionalidade española e o seu país de orixe non teña de idioma oficial o español.

Sindicatos como a CIG-Ensino solicitaron nas reunións previas da mesa sectorial que se modificase o texto da convocatoria para que se acreditase e puntuase o galego con titulación. Na proposta, indicaban a necesidade de contar co nivel C1 das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) ou dos cursos de iniciación e perfeccionamento de galego no apartado de formación cando se presente a validación do Celga 4 por outra vía, como por exemplo ao ter cursado Bacharelato. 

Finalmente a Xunta, nas bases, sinala que “as persoas que non poidan acreditar o coñecemento do galego de acordo co estabelecido no parágrafo anterior (con titulación) poderán ser admitidas condicionalmente no concurso de méritos e deberán realizar unha proba eliminatoria”.

A proba, segundo o texto do DOG, realizarase “de forma escrita, consistirá na resposta a varias cuestións sobre o temario de lingua galega que figura como anexo VI e nunha tradución do castelán para o galego”. 

O galego, de segunda

“A Xunta optou polo mesmo sistema que emprega no Sergas e na Administración xeral”, explica o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, “algo que é legal mais entendemos que o concurso é para xente que ten experiencia e é practicamente imposíbel ter traballado sen contar co Celga 4”. Para a central nacionalista, o feito de non empregar o mesmo criterio que co español é un dos puntos a ter en conta nas bases.

No caso dese idioma deberán acreditar o seu coñecemento co diploma superior de español como lingua estranxeira, certificado de aptitude ou nivel avanzado de español expedido polas escolas oficiais de idiomas, título de licenciatura, ou de grao equivalente, en Filoloxía Hispánica ou Románica, ou certificación académica en que conste que se realizaron no Estado español estudos conducentes á titulación alegada para ingreso no corpo.

“Dáselle ao noso idioma un nivel de segunda, non ten lóxica que se exixa titulación para o español e non para o galego”, afirma o líder sindical, "ademais a Xunta non tivo en conta o carácter excepcional desta convocatoria como si fixeron en Euskadi e Catalunya", engade.

Bermello cre que Educación parte da idea de que non se presentarán persoas estranxeiras. “É falso, aquí hai profesorado doutras nacionalidades, mesmo no grupo de interinos”, indica.