A Xunta non aclara o envío da carta de Feixoo ás familias

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, nunha aula da Escola Infantil Santa Susana (Xunta)

Durante as vacacións de Nadal, as familias e titoras usuarias da rede de escolas infantís A Galiña Azul recibiron retratos das crianzas acompañadas cunha carta asinada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. A súa felicitación chamou a atención das familias e titoras, que denunciaron que se aproveitase "a imaxe das nenas e dos nenos para facer propaganda", tal e como recolleu en exclusiva Nós Diario.

Onte, no marco da Comisión de  Sanidade, Política Social e Emprego a deputada do BNG Montse Prado cuestionou o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, polo custo do envío das misivas e pola súa natureza. Rodríguez evitou responder as preguntas.

Para a deputada, a misiva enviada ás familias busca promover o presidente Feixóo cun gasto que cualificou de superfluo. "Estamos", afirmou durante a comisión, "ante unha actuación electoralista e  uso inxustificado  de recursos públicos". Prado tamén acusou á Administración de empregar a imaxe dos nenos e nenas para promover a figura do presidente.

A nacionalista tamén criticou a execución en gastos de propaganda, ao tempo que as familias non recibiron unha explicación da Xunta polos casos de intoxicacións rexistrados en centros da rede Galiña Azul. "A Xunta non atende as demandas das nais e dos pais e logo envía cartas de publicidade", censurou Prado. A deputada empregou a súa intervención para demandar a contratación de máis persoal e a creación de centros, pois "son miles e miles os nenos e nenas que quedan sen prazas públicas todos os anos".

A foto de Santa Susana
A comezos de xaneiro, familias usuarias da Escola Infantil Santa Susana, en Santiago de Compostela tamén denunciaron o uso electoralista do alumnado do centro por parte do presidente da Xunta. Como recolleu este medio, as familias organizáranse previamente para denunciar as eivas do centro e a falta de persoal. A Administración, denunciaron, non escoito as súas queixas. Montse Prado tamén cuestionou o xerente do Consorcio polas actuacións previstas pola Xunta para resolver as deficiencias, mais Perfecto Rodríguez volveu evitar ofrecer aclaracións. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube