A Xunta negou unha vivenda á familia falecida no incendio de Vigo

Portal número 6 da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo, após o incendio. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Advertíuselle tanto á Consellería como ao IGVS que dada a súa situación económica como a súa pertenza a un colectivo estigmatizado atopábanse nunha situación de exclusión social severa e con grandes dificultades de acceso ao mercado de vivenda".

A morte de catro persoas a pasada semana en Vigo, tres delas menores, mentres durmían nun edificio ocupado en Vigo centra a preocupación, tamén a nivel político. Neste sentido, a concelleira de Política Social da cidade, Yolanda Aguiar, acusa a Xunta da Galiza de negarlle vivenda á familia da que facían parte os mortos no sinistro.

Aguiar sinalou que “no ano 2020 foi o Concello de Vigo quen se dirixiu á Consellaría de Política Social e ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) solicitando unha vivenda de promoción pública en réxime de aluguer, advertindo de que existían menores. Advertíuselle tanto á Consellaría como ao IGVS que dada a súa situación económica como a súa pertenza a un colectivo estigmatizado atopábanse nunha situación de exclusión social severa e con grandes dificultades de acceso ao mercado de vivenda".

A concelleira asegurou que “o IGVS respondeu a este requirimento sinalando que non tiña vivendas para esta familia”. Neste sentido, indicou que as competencias en materia de vivenda de protección oficial corresponden á Xunta e lamentou a “inacción e abandono á que se someteu estas familias” por parte da Administración galega.

O BNG insta a dimitir á edil de Seguridade por "mentir"

“O que máis doe é que algo así non debeu ter sucedido”, dixo esta segunda feira a deputada do BNG Alexandra Fernández en relación á negativa da Xunta de ofrecer unha vivenda a esta familia. As declaracións foron nunha rolda de prensa onde o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, exixiu a dimisión da edil de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, por "mentir".

Acúsaa de mentir cando dixo que descoñecía o número de bombeiros operativos no momento en que se produciu o incendio, e volveu mentir, sinalou Igrexas, cando dixo que os efectivos de bombeiros eran suficientes.