A Xunta négase a informar a Valedora da situación de doentes de VHC nas prisións

Sanidade mantense en silencio desde setembro de 2015 embora serlle solicitada a información "até en dúas ocasións". Entretanto, Institucións Penitenciarias rexeita que se inicie un proxecto piloto para o tratamento desta doenza en Teixeiro e A Lama.

 

"Tras os muros construídos para evitar a súa saída ao exterior, os muros das prisións tamén están para impedir ver o que sucede detrás deles". Así de taxativa era a Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C na Galiza o 28 de xullo de 2015 co gallo do Día Mundial para esta doenza. 

Ao fío desa conmemoración internacional o colectivo quixo pór o foco na situación que atinxe a poboación presa, considerada no Plan estatal para a abordaxe da hepatite C como un grupo de atención prioritaria mais excluída, de facto, no acceso aos tratamentos de nova xeración. 

Segundo as cifras fornecidas pola Fiscalía Superior de Galiza nun decreto publicado o 15 de decembro de 2015 no noso país existen 654 persoas privadas de liberdade infectadas co VHC. De entre elas, entre 140 e 165 persoas precisarían dos novos fármacos que garanten unha taxa de curación do 90%. Porén, malia a información dos servizos médicos penitenciarios (dependentes do Ministerio do Interior), o proceder da administración obriga os doentes a seren trasladados a centros penitenciarios de Madrid para acceder aos tratamentos. Os que non acepten, recoñece a Fiscalía no seu decreto, non os reciben, como viña denunciando a Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C e organismos de defensa dos dereitos civís e políticos, como Esculca. 

O Parlamento de Galiza instou por unanimidade a Xunta a reclamar as competencias en materia de saúde penitenciaria, algo que o goberno galego aínda non fixo

O documento de 4 páxinas asinado por Fernando Suances, en calidade de fiscal superior,  sinala no entanto que a Fiscalía non pode obrigar o Sergas a prescribir os tratamentos nen a Institucións Penitenciarias a asumir o seu custe. Porén, si o recomenda como unha saída ao conflito xudicial aberto entre ambas as dúas administracións (a Xunta e o Estado). Unha cuestión que xa foi sinalada polo Tribunal Superior de Xustiza o 20 de maio de 2015 cunha sentenza na que obriga o Sergas a asumir o tratamento facendo prevalecer o dereito á saúde sob intereses económicos ou conflitos administrativos. 

Desde a Plataforma o seu voceiro, Quique Costas, asegura que o decreto da Fiscalía Superior de Galiza "é importante" e supón máis un elemento de "presión política" para que o goberno galego asuma a súa responsabilidade a respeito da poboación que se atopa recluída nas cadeas galegas. Cómpre lembrar que o 6 de maio de 2015 o Parlamento de Galiza instou --por unanimidade-- o goberno galego a reclamar as competencias en materia de súde penitenciaria ao goberno español. Algo que o executivo de Alberto Núñez Feijóo aínda non fixo. 
 

Sanidade non responde 

Neste senso, a Plataforma dirixiuse tamén á Valedora do pobo. No mes de setembro do pasado ano esta institución incoou un expediente através do que lle reclama á Consellaría de Sanidade información sobre a atención sanitaria de doentes de hepatite C nas cadeas. O 9 de decembro, a Valedora informa á Plataforma que o goberno galego "non enviou a información requerida" embora serlle "reclamada até en dúas ocasións" e lémbralle a obriga de dar resposta. Así mesmo, advírtelle das "consecuencias legais" que carrexaría persistir na súa negativa, explica Costas. Porén, continúan sen informar. 

A Valedora do pobo agarda desde setembro de 2015 pola información reclamada á Xunta

"Facemos todo o que podemos", aseguran desde a Plataforma mais "non é moito" o que se pode facer para rachar cos muros que cercan as prisións. 
Desde Institucións Penitenciarias aseguran que é a poboación reclusa a que rexeita acceder aos tratamentos --para o que están obrigad@s a se deslocar até Madrid. Á fin de informar dos novos fármacos, desde a Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C propuxeron desenvolver charlas nas cadeas. 
 

Madrid bloquea un plan de intervención nas cadeas galegas 

Así o solicitaron na prisión de Pereiro de Aguiar coa mediación da Cruz Vermella de Ourense. "A subdirectora, que aliás é responsábel dos tratamentos, foi moi receptiva" e conseguiron acceder. "Estivo moi ben", asegura Quique Costas, "falouse sen tapuxos". Así pois, a plataforma decidiu deseñar un Plan de intervención para as prisións galegas empregando a modo de "proxecto piloto" a experiencia do Pereiro "polas súas características". 

O obxectivo é que persoas afectadas da propia plataforma "asesorasen os presos" atinxidos polo virus do VHC. "Tivemos que tramitar a solicitude en Madrid e responderon que non o autorizaban porque está en marcha un plan de carácter estatal que foi presentado pola Federación de asociacións de transplantados", sinala Costas. 

A Plataforma desenvolverá unha campaña informativa entre as familias para ofrecer o seu apoio e asesoramento ás persoas que estando presas teñen hepatite C

Segundo puido saber Sermos Galiza a Federación atópase próxima ao Partido Popular e aos intereses do goberno español. Para alén do máis, na Galiza non teñen practicamente presenza sendo que o colectivo de doentes de hepatite C se organiza arredor da Plataforma. 

O proxecto piloto do plan estatal estaría a se desenvolver no Levante e serviu para bloquear a proposta deseñada desde Galiza para as prisións galegas, nomeadamente as dúas macro-cadeas de Teixeiro e A Lama, dous dos maiores centros penitenciarios do Estado español e con condicións máis duras, como describíamos na reportaxe publicada no nº146 do semanario en papel

"Iso ficou conxelado desgraciadamente", sinala Costas mais a Plataforma non ficará parada e iniciará unha campaña informativa através das familias na que se ofrecerán a "brindar apoio nos días de visita". Destarte, recoñecen que "isto é moito máis complexo" pois terán que dar a coñecer a súa proposta inicialmente ás portas das prisións e con posterioridade tentar que as familias accedan o que suporá tratar con cada recluso individualmente, en espazos nos que a taxa de infección se sitúa no 22%.