SEGUNDO BATAS BRANCAS

A "austeridade", detrás das mortes de doentes de hepatite C

Así o sinalou Evaristo Varo, o presidente-fundador da Sociedade Española de Transplante Hepático. 

 

"Aquí vanaglórianse de ser das comunidades máis austeras, e iso ten un custe". Así de taxativo foi en comparecencia de imprensa Evaristo Varo, vice-presidente da asociación médica Batas Brancas, presidente-fundador da Sociedade Española de Transplante Hepático e xefe da Unidade de Transplante Abdominal do CHUS en comparecencia de imprensa após reunirse en sede parlamentar co PSdeG-PSOE. 

Varo é un dos facultativos que presentou a denuncia contra o Sergas perante a Fiscalía pola morte de 5 doentes de hepatite C, e un preso de Teixeiro, ao considerar que existen "indicios de delito" na xestión que a Consellaría de Sanidade fixo dos tratamentos de nova xeración contra esta enfermidade. 

No cerne do acontecido, Evaristo Varo sitúa a "austeridade" practicada pola Xunta de Galiza que tería causado "incumprimentos" nos tempos de resposta fixados polo plan estatal para o tratamento desta doenza cos novos fárcamos. Algo que, sinalou o médico, non aconteceu noutros territorios en boa medida porque o goberno galego mantivo a responsabilidade da decisión nunha subcomisión político-médica máis tempo que as demais comunidades. 

Tres das cinco persoas falecidas agardaron 6 meses por unha resposta da subcomisión, unha delas recibiu a aprobación 3 días após morrer

"Os recortes poden ter un custe", dixo Varo, e a respeito da hepatite C, "mataron". Ese foi o final de 3 persoas que se atopaban entre o seu cupo de pacientes, para alén doutra que finalmente conseguiu salvarse. A "punta do iceberg", segundo o facultativo que ve nos retrasos dos tratamentos recortes "en diferido" para aprazar o custe dun tratamento que ascende a 25 mil euros por persoa. "Supoño que unha vida vale máis", asegurou perante os medios de comunicación. 

O médico deu conta das circunstancias en que se produciron as mortes de 3 pacientes. Todas elas agardaron até 6 meses por unha resposta da subcomisión. Unha delas, obtivo a aprobación 3 días despois de morrer e após case medio ano agardando. 

A persoa que finalmente conseguiu salvar a súa vida fíxoo logo de que o propio Evaristo Varo enviase unha carta á conselleira de Sanidade, na altura Rocío Mosquera, ameazándoa con adoptar "medidas legais" no caso de que falecese. "En cinco días apareceu o tratamento", indicou. 

Finalmente Batas Brancas instou a Fiscalía a investigar e, agora, é a xustiza a que deberá tificar o presunto delito que puidese ter cometido a Xunta.  Entretanto, o goberno galego continúa a defender a súa xestión.