A Xunta nega que a turbidez nas praias da Pobra e Boiro sexa froito das cinzas, pese aos testemuños da veciñanza

Bombeiros traballando no incendio do Barbanza. (Foto: Arxina)
No día de onte, veciñanza dos concellos da Pobra e de Boiro denunciaron que as precipitacións estaban a levar a cinza cara aos ríos e o mar.

A Xunta da Galiza, a través das Consellarías de Medio Rural e Mar, rexeitou que a turbidez presente nos ríos e praias da zona da Pobra do Caramiñal e Boiro sexa froito do arrastrado de cinzas do gran incendio do Barbanza do pasado mes de agosto, que calcinou 2.200 hectáreas.

A pesar dos testemuños de varios veciños e veciñas confirmando que as precipitacións dos últimos días levaran consigo estes restos queimados, a Administración galega defende que se tratan de escorreduras de terra solta de camiños rurais.

Técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán traballan desde o día de onte en diferentes puntos do río Lérez e das praias destes dous concellos para analizar a turbidez e avaliar as súas posíbeis consecuencias no leito mariño da zona.

Porén, a propia Xunta matiza que non pode asegurar con total convencemento que non se produciran escorreduras de cinza nalgunhas partes do Barbanza, xa que se trata dunha zona moi ampla e os técnicos estudan só determinados puntos concretos.

Chegada das cinzas ao mar

No día de onte, Nós Diario púxose en contacto cun veciño da zona do Barbanza que confirmou que se estaba a producir este arrastrado de cinza pola chuvia e detallou que a auga dos ríos presentaba un estado de turbidez elevado pola saturación das cinzas.

Diferentes medios locais recolleron tamén os testemuños de pescadores e mariscadoras da zona que aseguraban que se detectara a presenza de cinzas nas proximidades dalgunhas praias de Boiro e A Pobra do Caramiñal. Polo de agora, esta turbidez non avanzou máis alá dunhas decenas de metros da liña de costa, pero os bateeiros e mariscadoras da zona ven con preocupación a situación, ante a posibilidade de que as cinzas poidan danar e matar o marisco.

Pese a que o Goberno galego segue asegurando que levou a cabo medidas como o engadido de palla para evitar que as choivas arrastrasen a cinza e degradasen o solo forestal, as imaxes e os testemuños de veciñas e veciños do Barbanza mostran que estas medidas foron, cando menos, insuficientes.