A Xunta nega que censure centros educativos, ao tempo que afirma que deben estar "á marxe" de críticas "políticas"

As aulas presenciais, a máscara e a distancia seguirán sendo cuestións chave o vindeiro curso. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press).
O deputado do BNG Manuel Lourenzo acusou o departamento que dirixe Román Rodríguez de "censurar, presionar e silenciar" a comunidade educativa.

A Consellaría de Educación negou as acusacións de "censura" e "presións" ás directivas de centros educativos que levan a denunciar durante meses docentes e anpas. Porén, a mesma Xunta asegura que colexios e institutos "deberían quedar á marxe de reivindicacións políticas, sindicais e ideolóxicas".

"Para iso hai outros espazos", afirmou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, en resposta durante a Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento galego a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Manuel Lourenzo.

Lourenzo acusou o departamento que dirixe Román Rodríguez de "censurar, presionar e silenciar" a comunidade educativa que, durante o comezo deste curso, manifestou as súas críticas pola situación precaria derivada dos "recortes" de profesorado promovidos polo Goberno galego.

O deputado nacionalista fixo referencia ao IES A Sangriña da Guarda e o IES Punta Candieira de Cedeira, cuxas direccións foron "censuradas" por expresar o seu malestar ante as reducións dos cadros de persoal decretadas pola Consellaría de Educación.

"Obrigacións e deberes" dos docentes

Na súa resposta, Judith Fernández acusou o BNG de "confundir interesadamente" o sucedido nestes centros. Fernández afirmou que a Xunta respecta a liberdade de expresión das directivas e o profesorado dos centros. Porén, manifestou que, como traballadores públicos, teñen unha serie de "obrigacións e deberes" fixados por lei.

"Non conculcou en ningún momento a liberdade de expresión dos centros. Outra cousa é que a Consellaría de Educación teña que tomar medidas que, ás veces, non gustan e que as directivas teñan que adoptar e acatar normas que non comparten", insistiu directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

"Os centros educativos si deberían quedar á marxe de reivindicacións políticas, sindicais e ideolóxicas, para iso hai outros espazos", repetiu a directora xeral. Na contrarréplica de Manuel Lourenzo, o deputado do BNG instou a Xunta a "retirar as montañas de propaganda basta e infecta" que, segundo o nacionalista, figura na web da Consellaría de Educación.