Educación

A Xunta muda a oferta de FP cara "a privatización e a precariedade"

O CIFP A Xunqueira, Pontevedra, é un dos afectados pola reorganización educativa da Xunta. (Foto: Nós Diario)
A menos 20 días para que abra o prazo de matrícula nos ciclos de FP da Galiza, a Consellaría de Educación remitiu aos centros unha proposta de oferta formativa que muda as condicións que viña gozando o alumnado. Suprime ciclos básicos e alenta a formación a distancia noutros, unha solución que deixa centos de estudantes "desamparados".

O profesorado de FP foi o primeiro en dar a voz de alarma. Esta segunda feira, con apenas 24 horas de marxe para reaccionar ao anuncio da Xunta, a Consellaría de Educación remitiu aos centros unha mudanza fechada da oferta formativa para o próximo curso. A reordenación educativa que promove a Xunta "sen previa negociación nin co profesorado nin coa súa representación sindical", censura a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, afecta nomeadamente as familias profesionais de Administración e Xestión, Informática e Comunicacións e Servizos Socioculturais e á Comunidade. Só esta última impártese en 20 centros da rede pública de ensino, que desde hai tres días non deixan de atender as chamadas de sorpresa e irritación do seu alumando.

Segundo denuncia a CIG-Ensino, á apostar pola FP dual, a Xunta une "outra estratexia até o de agora inaudita: promover a FP a distancia, incluso de forma parcial, chegando a substituír en moitos centros tanto a oferta modular como a ordinaria presencial por esta modalidade".

Esta estratexia, advirte o sindicato, "sérvelle á Consellaría para inflar as cifras da oferta global sen aumentar o número de docentes", ao mesmo tempo que concede a centros privados e concertados "un incremento da súa oferta educativa ordinaria".

O caso da Xunqueira

Un caso paradigmático é o do CIFP A Xunqueira, de Pontevedra. Neste centro, Educación suprime o ciclo presencial de FP básica de Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios, muda a distancia o ciclo superior de Integración Social, ordinario e presencial en horario de mañá, e pasa a distancia e con oferta parcial o ciclo superior de Promoción da Igualdade de Xénero, ordinario e presencial en horario de tarde.

É unha manobra clara de privatización e precarización da educación

Desta forma, explica o profesor Brais Rodríguez a Nós Diario, "o alumnado da FP básica, de 15 e 16 anos, –gran parte en situación de risco– ve que non pode rematar os seus estudos aquí. Queda desamparado. Mais tamén o que cursa ciclos superiores. Os que fixeron primeiro non teñen asegurada a matrícula para o segundo curso a distancia. Hai quen adiantou até 1.000 de fianza para asegurar un alugueiro que, de súpeto, xa non precisa; por non falar do salto a unha FP a distancia e parcial que pode adiar até cinco anos a titulación de parte do alumnado", sen información clara a poucos días de se iniciar a matrícula o día 29.

É "un desastre", sentenza Rodríguez, "unha manobra clara de privatización e precarización da educación" que afecta a centros de Santiago, Chapela, A Coruña, Ourense e Baiona cos que están en contacto para apremar a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, a dar marcha atrás.

Esta decisión mingua a calidade e o investimento educativo e acrecenta os recortes

A CIG-Ensino pide a súa dimisión "por despotismo e planificar a desaparición paulatina da FP", por iso chama aos centros a presentar as súas alegacións ante a inspección e a xefatura correspondente e a se mobilizar –hoxe e mañá– contra unha decisión que mingua a calidade e o investimento educativo e acrecenta os recortes. De ir adiante a reforma, A Xunqueira perderá 77 horas lectivas e entre tres e catro prazas docentes.