A Xunta mantén os feches perimetrais en Beade e Maside

Xente nos accesos a un centro comercial da Coruña nesta desescalada. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O comité clínico tamén recomendou á Consellaría de Sanidade que manteña no nivel alto das restricións a un total de sete municipios. Agárdase que mañá transcenda máis información da xuntanza, se ben o Executivo galego xa advertira que non ía haber novidades enfocadas á Semana Santa.

A Consellaría de Sanidade vén de anunciar que manterá as restricións máis elevadas, entre elas o fechamento perimetral e o paro da hostalaría, en dous concellos. Seguindo as recomendacións do comité clínico que asesora á Xunta sobre as medidas a tomar coa evolución da pandemia, o Executivo galego opta por estabelecer as limitacións do máximo nivel en Beade e Maside (este último repite despois do anuncio da pasada segunda feira).

Aliás, ao longo da reunión de traballo acordouse estabelecer o nivel alto de prohibicións nos municipios de Baiona, Sanxenxo, Vilardevós, Ortigueira, Neda (queda igual que a semana pasada), O Saviñao e Abegondo.

Algunhas das localidades xa ficaron nesta situación despois dos encontros da semana pasada, pero a evolución epidemiolóxica mantén bastantes límites como a capacidade reducida nos negocios da hostalaría.

Segundo fontes do departamento que dirixe Julio García Comesaña, nunha zona media estarán lugares de diferentes áreas, afectando mesmo á cidade da Coruña. Xunto con ela permanecen Culleredo, Bergondo e Arteixo (da súa comarca) e A Laracha e Betanzos, integrados na súa área de influenza.

As e os expertos coa representación do Executivo galego acordaron manter nese chanzo tamén a Soutomaior, Cangas, Sober, Pantón, Coles, Valdoviño, Laxe, Camariñas, Xinzo de Limia, Ribadavia, O Carballiño, Boimorto e Ponteceso.

No resto do país serán válidas as restricións do nivel medio-baixo. Os cambios entrarán en vigor na medianoite da sexta feira, 26 de marzo.

Está previsto que mañá poidan fornecer máis datos do encontro, se ben xa non se esperaban cambios vinculados especialmente coa Semana Santa. Así o advertira a Administración que, respecto da hostalaría, comentou que unha nova desescalada terá que agardar polo menos até despois dos festivos de marzo e abril.