O comité clínico limitarase na reunión de hoxe a "axustes" nos niveis de restrición por concellos

(Foto: Europa Press)
Sanidade non prevé abordar na xuntanza de hoxe avances en medidas de Semana Santa: "A idea é revisar soamente a situación epidemiolóxica dos concellos"

O comité clínico que asesora á Consellería de Sanidade na pandemia da Covid-19 reunirase na tarde desta terza feira para "unicamente" estudar a evolución epidemiolóxica por concellos e, no seu caso, realizar algún "axuste" do nivel de restricións.

"Nada máis que iso", asegurou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en declaracións aos medios antes da presentación en Compostela dun proxecto sorbe hábitos de vida saudábeis.

"Por suposto que tamén estudaremos a evolución dos datos destes días e, se houbese algunha cousa crítica, tomaremos decisións. Pero a idea é revisar soamente a situación epidemiolóxica dos distintos concellos", abordou, desbotando así que se vaia a avanzar nas medidas de cara á Semana Santa.

O comité clínico reunirase hoxe e, como vén sendo habitual, pola noite a Consellería informará os cambios acordados nos municipios. Ademais, Sanidade prevé convocar para esta cuarta feira unha rolda de prensa na que explicará máis pormenorizadamente os temas abordados.

Na última reunión do comité clínico,  a semana pasada, acordouse ampliar o horario de apertura da hostalaría até as 21:00 horas -entrou en vigor a sexta- e relaxar as restricións de aforamento nestes locais.

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade tamén foi preguntado hoxe sobre a incidencia das variantes do coronavirus na Galiza. Así, Comesaña confirmou que a porcentaxe de presenza da cepa británica está en niveis "moi semellantes" no tres hospitais galegos que fan a secuenciación "masiva" do virus: A Coruña, Santiago e Vigo.

"En principio, a variante británica xa estaba na ecuación cando tomamos as medidas e somos conscientes de que é predominante na maior parte de hospitais galegos", resolveu.