A hostalaría terá que agardar até despois de Semana Santa para mellorar as condicións de apertura

Terrazas dos restaurantes de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Representantes do Executivo galego puntualizaron hoxe -día no que, ademais, decorrerá un novo encontro do comité clínico para estudar mudanzas nos niveis de alerta dos concellos- que o obxectivo é chegar a unha "consolidación" da baixada dos datos epidemiolóxicos. Por tanto, agardarán a ampliar horarios ou capacidades nos bares e restaurantes.

O empresariado dos estabelecementos hostaleiros da Galiza aínda terá que agardar un pouco máis para percibir melloras nas súas actuais condicións de traballo por mor da pandemia. A pesar de que hoxe hai un encontro de traballo do comité clínico, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa advertiu esta terza feira a representantes do sector de que non haberá cambios polo menos até que pase a Semana Santa.

Rueda, que estivo acompañado polos conselleiros de Sanidade e Emprego, Julio García Comesaña e María Jesús Lorenzana, na reunión coa hostalaría avisou de que o obxectivo actual é "consolidar" a redución dos contaxios e esta fase da desescalada, que comezou a semana pasado con certa ampliación dos horarios e a capacidade.

Antes de comezar a cita, Rueda xa dicía que o de hai uns días foi un "paso importante que debería consolidarse antes de dar máis". "Mellor ir prudentemente e consolidar o que temos. O obxectivo non pode ser unha semana en Semana Santa, se non os meses centrais do verán", subliñou.

As restricións, a priori, van seguir iguais, aínda que enténdese que se un concello baixa de nivel de alerta poderá asumir as mesmas limitacións que teñen os outros nese rango. É dicir, se agora un municipio ten a orde de fechamento total pero baixa, os negocios poderán abrir tanto como se permita no rango ao que pase.

Os cambios maiores, quer nas horas, quer na opción de atender a máis clientela, quedarán reservados para o 6 de abril "sempre que os datos" do avance da pandemia no país "sexan positivos".

O sector está especialmente concienciado para estas semanas malia que perda a opción de facer caixa nas vacacións porque a pretensión máis ambiciosa é non ter que volver ao paro total.

Por iso, transcendeu tamén que lle pediron á Xunta un aumento da vixilancia policial para que axuden aos locais a sancionar a aquelas persoas que incumpran as normas vixentes. Por outra banda, demandouse axilidade na concesión das axudas públicas.