A Xunta manobra para que Ence continúe en Lourizán

Factoría de Ence na ría de Pontevedra (Foto: Europa Press)

O Goberno galego preguntará ao Consello Consultivo se é posíbel que a pasteira pase a formar parte dos terreos do porto de Marín

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, avanzou que o Goberno galego preguntará ao Consello Consultivo de Galiza sobre se "é posíbel", desde o punto de vista legal, que a planta de Ence en Pontevedra pase a formar parte dos terreos da Autoridade Portuaria de Marín.

En declaracións á prensa tras reunirse en Santiago cos comités de empresa de Ence -nun encontro o que tamén participou a conselleira de  Emprego, Conde afirmou que traballadores e Xunta coinciden en que a "única alternativa posible para a localización da planta de Ence é en Lourizán".

Por iso, o Goberno galego apoia a vía aberta polos traballadores para que Ence ise integre no chan portuario de Marín -forma parte de Puertos del Estado-, de modo que "podería avaliar a posibilidade de ampliar os seus terreos actuais".

A este respecto, Conde di que Ence é unha empresa "moi vinculada coa actividade loxística do porto" e os servizos portuarios, polo que cre necesario "explorar desde o punto de vista xurídico" esa posibilidade. Defende identificar calquera alternativa para "evitar o peche".

Unha vez se pronuncie o Consello Consultivo de Galiza, a Xunta remitirá o informe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica coa fin de que poida analizalo xuridicamente. O vicepresidente económico galego explica que esta solución "implicaría diferentes departamentos dentro do Goberno", de forma que o Ministerio sería o encargado de "concretar" procedementos e trámites a seguir para facer posíbel esa solución.

Respecto diso, Francisco Conde critica que "a única opción que expón" o Ministerio "é o peche de Ence en Lourizán". "Non o podemos permitir", deixa claro. Deste modo, demanda ao Goberno que "rectifique e se una á Xunta e ao comité de empresa para atopar conxuntamente unha alternativa" para a continuidade da pasteira.

A argumentación que esgrime a Xunta é que os portos son dominio marítimo-terrestre, pero cumpren unha finalidade especial á hora de facilitar actividades económicas complexas e de interese xeral.

Pola súa banda, a presidenta do Comité de empresa das oficinas centrais de Ence Pontevedra, Ana Cedeira, remarca que esta "é unha posíbel solución xurídica-administrativa" e valora que "a intención da Xunta é colaborar neste tema".