A Xunta intervén a residencia de maiores Os Gozos de Pereiro de Aguiar

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha imaxe de arquivo.

(EN AMPLIACIÓN) A Consellaría de Política Social decidiu intervir a residencia de maiores Os Gozos, de Pereiro de Aguiar, tras detectar máis dun cento de contaxios de Covid-19 entre os seus usuarios e usuarias.

Os 106 contaxios de coronavirus detectados na residencia de maiores Os Gozos, situada en Pereiro de Aguiar, levou a Consellaría de Política Social a intervir a súa xestión. Así o anunciou a conselleira, Fabiola García, na mañá da sexa feita.

García puxo de manifesto que a operación ten como fin “seguir velando pola calidade e seguridade” dos residentes. O seu homólogo de Sanidade, Julio García Comesaña, incidiu en que van “analizar e ver que fallou”.

A medida de intervir a residencia adóptase, afirma Política Social nun comunicado enviado aos medios de comunicación, despois de que na xornada desta sexta feira se contabilizaran tres novos contaxios entre os usuarios e outros 23 en traballadores, o que sitúa o número total de casos positivos por coronavirus neste centro en 112 residentes e 25 profesionais.

No día de onte coñeceuse o gromo deste centro de maiores xestionado pola Fundación San Rosendo e mais o que afecta 46 usuarias e usuarios do xeriátrico Val de Monterrei.

Á volta de 2019, Galiza dispoñía de 21.179 prazas nos centros de maiores, 77% das mesmas eran de xestión privada e 23% de xestión pública, porcentaxe moi por baixo da media estatal. O alto nivel de contaxios e mortaldade que a Covid provocou nas residencias privadas fai que familiares de usuarias, por boca de Paulino Campos, portavoz da Federación REDE, denunciasen que "non están preparadas" para facer fronte a esta pandemia.

Un centro da Fundación San Rosendo

A residencia que vén de intervir Política Social pertence á Fundación San Rosendo, o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza. A entidade dá emprego a máis de 1.670 persoas, dispón dun orzamento de 53,8 millóns de euros, declara 3.600 prazas asistenciais e conta con 67 centros, a maioría deles na contorna de Ourense, onde xorde o grupo baixo o patrocinio do bispado e o impulso do crego Benigno Moure.

A realidade da Fundación San Rosendo non se explica sen a relación de apoio mutuo co Partido Popular, e moi particularmente co clan Baltar.