A Xunta interpón un recurso de casación pedindo a anulación dos dereitos de emisión de Cuac FM

cuac FM

O TSXG anulou en outubro a resolución da administración galega que prohibía emitir en FM a esta emisora. A Radio Comunitaria da Coruña recoñece a súa “preocupación” ante un recurso “no que se intenta restrinxir, limitar e por en cuestión un dereito fundamental, tal e como recolle o artigo 20 da Constitución Española”.

A Xunta pretende recorrer a sentenza do TSXG favorábel a CuacC FM e na que anulaba a resolución da administración galega que lle prohibía emitir en FM. A Radio Comunitaria da Coruña informa que recibiu estes días unha notificación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza da intención da Xunta de interpor un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do TSXG.


Cuac recoñece a súa “preocupación” ante un recurso de casación “no que se intenta restrinxir, limitar e por en cuestión un dereito fundamental, tal e como recolle o artigo 20 da Constitución Española”.


Dende Cuac FM consideran que estas actuacións da administración galega “van en contra dos posicionamentos da maioría dos partidos políticos do arco parlamentario estatal, así como tamén se expresou nos recentes avances lexislativos acontecidos na Comunidade Andaluza, onde o Partido Popular apoiou decididamente as propostas e alegacións do movemento andaluz de medios comunitarios”.   

 

Cuac FM informas que “seguirá exercendo con normalidade a súa actividade radiofónica tanto na Frecuencia Modulada como a través de Internet” e lembra que “non está soa”. Conta co apoio, enumera, da Universidade da Coruña, da Deputación Coruña, dos Concellos da bisbarra, das redes de medios como AMARC e REMC, e dos compañeiros do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Federación de Sindicatos de Xornalistas. Tamén de partidos políticos, sindicatos, asociacións e persoas individuais, aglutinadas en torno á campaña #CuacResiste.