Cuac FM celebra a súa vitoria xudicial sobre a Xunta cunha xornada de portas abertas

O estudio de Cuac FM este sábado, 3 de novembro. Foto: @CuacFM.

Desde as 13.34 horas deste sábado, 3 de novembro, Cuac FM celebra a súa vitoria xudicial sobre a Xunta e o seu retorno ás ondas. Faino cunha xornada de portas abertas e unha maratón de programas que se estenderá, no mínimo, deica as sete do serán.
 

“Queremos reivindicar o noso espazo das ondas facendo o mesmo que fixemos xusto antes do apagón”, explica a Sermos Galiza Lois Alcayde, responsábel de comunicación da emisora libre. Despois dun acordo do Consello de Goberno de Núñez Feixoo en setembro de 2017, Cuac FM decidía suspender emisións.

 

Sobre ela pairaba a ameaza da Secretaría Xeral de Medios dunha sanción de entre 100.000 e 200.000 euros. Mais o pasado outubro, o Tribunal Superior de Xustiza deulle a razón ao colectivo radiofónico.

 

É por iso que a frecuencia modulada 103.4 retomou o seu traballo. Neste intre, a programación “non stop” abre espazos para todos os programas da variadísima grella dunha emisora que Alcayde define como “comunitaria e xeralista”. Da ópera de Unha noite na ópera á paixón polo motor de En boxes, do humor de Pouca broma ao Desinformativo, a xornada deste sábado será a primeira do retorno ao éter de Cuac FM.