A Xunta instará os cazadores de zonas con maior número de granxas porcinas a cubrir o seu límite de exemplares a capturar

Xabaríns (Foto: Nós Diario).

Trasladará esta e outras propostas nunha reunión extraordinaria ante a aparición de casos de peste porcina en Catalunya.

A Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático instará os titulares de terreos cinexéticos con maior número de granxas porcinas a que cubran o seu límite de exemplares a capturar se aínda non o fixeron e estudará bonificar as taxas aos tecores que superen este límite.

O departamento levará estas propostas e outras á reunión do grupo de traballo para a xestión do xabaril, convocada para esta terza feira de modo extraordinario ante a aparición de casos de peste porcina africana (PPA) en Catalunya. Neste encontro, ademais de expoñer estas posibles medidas, tomará en consideración as propostas dos participantes.

Concretamente, segundo detalla a Xunta, están citados representantes da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI, dependente da Consellería de Vivenda), Consellería do Medio Rural, Consellería de Sanidade, Fegamp, Garda Civil de Tráfico, Policía Autonómica, Seprona e Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible.

Por parte do sector da caza e gandeiro, están chamados responsábeis da Federación Galega de Caza, Asociación de Tecores Galegos (ATEGAL), Unións Agrarias, Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e Sindicato Labrego Galego. A Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxa representación estará encabezada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, porá sobre a mesa a posibilidade de incorporar novas modalidades cinexéticas, que xa foron trasladadas en días anteriores.

En concreto, proporá levar a cabo a coñecida como caza ao salto, que realiza unha persoa, con ou sen auxilio de cans; caza ao ‘rececho’, modalidade tamén individual pero neste caso sen cans, e caza en man, con cuadrillas máis reducidas que nas batidas, de até seis persoas, cun máximo de tres cans por participante.

Por outra parte, estudará bonificar as taxas a aqueles tecores que realicen capturas por encima da cota estabelecida. Paralelamente, nestes momentos, as Direccións Territoriais da Consellería están a realizar unha valoración dos que cumpren integramente a cota de capturas asignado -máis dun centenar-.

Neste sentido, a Consellería instará os titulares de terreos cinexéticos situados en zonas cun maior número de granxas porcinas que aínda non cubrisen o seu límite de exemplares a capturar que o fagan. Este número está fixado no plan de ordenación cinexética da tempada en curso do que dispoñen os tecores.

 

"Bombas vírcas"

Porén, Adega lembra que diante da posñibel chegada dun novo gromo de peste porcina africana (PPA) a Galiza, a emerxencia cinexética, ademais de infrutuosa para controlar o andazo, podería propiciar outro escenario peor en canto a bioseguridade. A maioría dos case 20.000 xabaríns que se abaten anualmente en Galiza quedan no monte ou non se controla o seu destino, e son moi poucos os que chegan ás salas de despece autorizadas para caza.

Os que fican no monte poden ser comidos pola fauna salvaxe e mesmo por outros xabaríns, auténticas "bombas víricas" que poden contribuir a espallar calquera andazo. Mais tan perigosos como estes xabaríns potencialmente dispersores de epizootias son os propios cazadores. Os seus desprazamentos coas pezas cazadas, entre lugares, concellos, comarcas e incluso provincias, unicamente cunha comunicación nos 15 días posteriores á morte, fanse case sen control e sen as axeitadas medidas de bioseguridade. Fronte a un gromo de PPA e debido a este tipo de malas prácticas froito do desleixo da Xunta, a propagación do andazo podería volverse incontrolábel.