A Xunta inicia o protocolo para vacinar os mariñeiros

Mariñeiros nunha xornada de pesca (Foto: Europa Press).
O Goberno galego demanda para o sector a vacina monodose de Janssen e insta a comezar pola frota de altura e grande altura.

A Xunta da Galiza anunciou esta cuarta feira que está a manter contactos co Instituto Social da Mariña (ISM) co obxectivo de "intercambiar datos e organizar a loxística necesaria para iniciar o antes posíbel a vacinación das tripulacións da frota galega".

Responde, deste modo, a unha demanda que se viña repetindo nas últimas datas por parte das e dos profesionais do sector.

As conversas entre a Consellaría do Mar e o ISM, órgano dependente do Ministerio de Seguridade Social, Inclusión e Migracións, prodúcense logo de que o Ministerio de Sanidade autorizase o inicio do protocolo para inmunizar o sector pesqueiro.

Neste primeiro encontro, a Xunta demandou o ISM acceder ao censo de todas as e os profesionais do mar, a fin de que o proceso se realice "da forma máis áxil e eficiente".

"Galiza confía en que nos vindeiros días se poida deseñar o procedemento a seguir e que comece o antes posíbel a administración das doses", expuxo o Goberno galego, a través dun comunicado no que tamén culpou da demora na vacinación do sector ao Ministerio de Sanidade.

Prioridade para as frotas de altura

A Xunta instou a comezar a vacinación polas frotas de altura e grande altura e continuar pola baixura. "En moitos casos son barcos que realizan mareas de máis de dez días e non contan coa posibilidade de atención sanitaria inmediata ao tempo que se enfrontan ás dificultades para manter as distancias de seguridade", xustificou.

Aliás, o Executivo solicitou que as e os mariñeiros sexan vacinados co fármaco de Janssen, xa que é monodose e facilitaría a inmunización do colectivo.